A Facultade de Comunicación intégrase na organización dos Premios Feroz

Pontevedra
31 de outubro 2024

O alumnado desenvolverá tarefas de organización, planificación técnica e cobertura tanto nas actividades previas como durante a propia gala, sempre baixo supervisión profesional.

A Facultade de Comunicación Universidade de Vigo

O Concello de Pontevedra e a Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo asinaron un convenio para que 65 estudantes realicen prácticas profesionais durante a celebración dos Premios Feroz, que terán lugar o 24 e 25 de xaneiro na cidade do Lérez.

Do total de alumnado participante, 62 son do grao de Publicidade e Relacións Públicas, dous de Comunicación Audiovisual e un do mestrado de creación de contidos dixitais e redes sociais.

Desenvolverán labores de organización, planificación técnica e cobertura tanto nas actividades previas como durante a propia gala, sempre baixo supervisión profesional.

Emma Torres Romay, decana da Facultade, destacou que esta colaboración supón "unha oportunidade de ouro" para o alumnado, ao poder participar nun dos eventos máis importantes do audiovisual español.

Ademais, subliñou que a celebración coincide co 25 aniversario dos estudos de Comunicación Audiovisual en Galicia, unha titulación que contribuíu a converter a Galicia na terceira comunidade en potencial creador audiovisual, só por detrás de Madrid e Barcelona.

Pola súa banda, a concelleira Anabel Gulías anunciou que o Concello mediará para asinar novos convenios co Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza e a Fundación Xoán XXIII para colaborar no evento.

Tamén destacou a extraordinaria acollida que está tendo a programación previa dos premios, con salas cheas nas proxeccións organizadas e unha resposta moi positiva por parte da cidadanía pontevedresa.

Mónica Valderrama, vicereitora de Comunicación da Universidade de Vigo, salientou a importancia desta iniciativa para conectar a universidade coa sociedade e ofrecer ao alumnado experiencias prácticas nun evento de primeiro nivel.

"É fundamental que o estudantado vexa a utilidade do que están a aprender nas aulas", afirmou a representante universitaria.

O convenio enmárcase na estratexia do Concello para que os Premios Feroz non sexan só unha gala puntual, senón que teñan un impacto duradeiro na cidade e contribúan ao seu desenvolvemento cultural e económico, especialmente nun mes como xaneiro, tradicionalmente máis frouxo para o sector servizos.