Analizar, poñendo o foco no manga, na banda deseñada xaponesa e nas transformacións formais, estéticas e narrativas que as tecnoloxías dixitais teñen producido neste medio é o principal obxectivo do proxecto de investigación Estudos transdisciplinares sobre cómic, que o grupo dx5 (digital & graphic art research) da Facultade de Belas Artes desenvolve co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Con ese obxectivo e no marco dun proxecto seleccionado na convocatoria de 2019 de Proxectos de I+D+i Retos de Investigación, expertos e expertas de diferentes universidades europeas e xaponesas reuniranse a vindeira semana na sede da Vicerreitoría, no simposio internacional Manga in a postdigital environment.
Como explica o seu investigador principal, José Andrés Santiago, este simposio, que constitúe tamén a sexta edición do Foro Internacional de Creación na Fronteira do grupo dx5, é o “evento de peche” dun proxecto que buscaba dar resposta á pregunta “de que significa falar de manga neste mundo postdixital”.
Indo máis aló do webcómic ou do cómic dixital, a investigación pon o foco nas transformacións vividas polo “manga como medio nunha era completamente dixital”.
Tendo como punto de partida o concepto de “ecoloxía dos medios”, que afonda en como a evolución tecnolóxica transforma tanto o propio medio en si como a súa contorna, a principal liña de traballo deste proxecto centráse en explorar os cambios que preto de dúas décadas de convivencia coas tecnoloxías dixitais podían ter producido no manga, tanto desde “un punto de vista estético e formal”, como nos propios procesos produtivos.
Coa participación como conferenciantes de varios dos expertos e expertas que integran o equipo de traballo do proxecto, este foro internacional desenvolverase o luns 30 e o martes 31 de maio na sede da Vicerreitoría nun “formato híbrido”, que combina as modalidades presencial e virtual.
Por unha banda, porque catro dos relatores intervirán a través de videoconferencia e, por outra, porque este foro aberto ao público poderá seguirse a través destas dúas vías. En ambos os casos, explica Santiago, será precisa inscrición previa a través do correo grupodx5@uvigo.es.
Doce conferencias, a cargo de investigadores e investigadoras de seis países, integran o programa dun simposio que será inaugurado polo vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto, e a directora do grupo dx5, Ana Soler.
Coa idea de reunir a expertos e expertas que “nos ofrezan unha perspectiva que escape un pouco das liñas de investigación máis abordadas”, o programa deste foro comprende diferentes visións sobre o medio, procedentes tanto de Europa como do propio Xapón, “que abranguen desde os aspectos máis específicos a cuestións máis conceptuais”, como salienta o seu coordinador.
Podes consultar o programa completo do simposio nesta ligazón.