O tradicional Concerto de Aninovo de Pontevedra abriu 2024 cun éxito total. As entradas xa estaban esgotadas antes da propia actuación, de maneira que o auditorio do Pazo da Cultura estaba cheo e envorcouse cunha actuación marcada polo protagonismo dos seis poemas que Federico García Lorca escribiu en Galicia, entre os anos 1932-1934.
O cantautor Amancio Prada acompañou coa súa guitarra á Orquesta Sinfónica de Pontevedra na primeira parte da actuación, na que a orquestra dirixida por Daviz Fiuza versionou os poemas galegos de Lorca.
Esta versión sinfónica a modo de suite levantou ao público do Pazo da Cultura, que se emocionou en moitos momentos da actuación.
Na segunda parte do concerto,aOrquesta Sinfónica de Pontevedra interpretou pezas de Strauss.
Nese segundo tramo, os valses e polkas tradicionais de cada concerto de aninovo en todo o mundo vibraron no Pazo da Cultura.
MARTES DE ACTIVIDADES
A programación de Nadal de Pontevedra volve a ofrecer unha nutrida proposta de actividades durante esta semana.
Este martes 2 de xaneiro celebrarase 'Merca no barrio' en Monte Porreiro. Entre as 16.30 e as 20-30 horas haberá un obradoiro de manualidades para crear Reis Meigos con paus de madeira e feltro e xogos predeportivos e de relevos.
A partir das 17.30 horas, haberá animación de rúa no centro histórico co 'Combo frosty de xeo'.
O Bosque de xogos da praza de España chega ao seu fin este martes 2 de xaneiro, pois terá que ser desmontado para permitir o paso da Cabalgata de Reis. A pista de xeo e o tobogán xigante estarán abertos mañá de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 22.00 horas.
A Carpa de xogos, tamén no Bosque de xogos da Alameda, abrirá as súas portas ata o 4 de xaneiro con actividades para cativos de 0 a 12 anos. Estará aberta de 12.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas.
Tamén este martes abrirá o Poboado de Nadal da Ferraría cun horario de 11.30 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas. Estará aberto ata o 5 de xaneiro.
Volverá abrir tamén Nadal Xogos no Recinto Feiral con talleres, contacontos, inchables e xogos tradicionais... O horario é de 16.30 a 20.00 horas ata o domingo 7 de xaneiro.