Éxito da presentación do novo poemario de Manuel Pérez Lourido

Pontevedra
16 de maio 2017

O evento reuniu no salón de actos da Casa das Campás a coñecidos escritores e xornalistas pontevedreses como Alexander Vórtice, Bernardo Sartier, Adrián Estévez Iglesias ou Ramón Rozas

Presentación de 'Después daré un grito', de Manuel Pérez Lourido
Presentación de 'Después daré un grito', de Manuel Pérez Lourido / Mónica Patxot

A presentación de Después daré un grito, o novo poemario do escritor e profesor pontevedrés Manuel Pérez Lourido, converteuse este luns en todo un acontecemento da vida cultural de Pontevedra.

O evento, celebrado a partir das 20.00 horas, reuniu no salón de actos da Casa das Campás a coñecidos escritores e xornalistas pontevedreses como Alexander Vórtice, Bernardo Sartier, Adrián Estévez Iglesias ou Ramón Rozas, especialista en cultura de Diario de Pontevedra que, como autor do prólogo do poemario tivo unha participación activa na presentación. 

O director de cine, guionista, pintor e escultor Mario Iglesias, responsable da portada e as ilustracións de Después daré un grito e Enrique Sánchez Sotelo, director da editorial Discursiva na que se publica esta obra, tamén acompañaron ao autor, colaborador habitual de PontevedraViva.

O poemario, segundo o autor, ofrece aventuras íntimas pero universais que se centran na existencia. Trátase dunha travesía de decisións e de metáforas sobre a vida e a literatura, que conflúen en busca da luz. Pódese adquirir ao prezo de dez euros.

Manuel Pérez Lourido tamén é autor de Quedarse en Pontevedra, unha recompilación de escritos do seu blogue Galpón das choiva e Vértebras e lóstregos, unha selección de poemas en lingua galega.