A concellería de Cultura do Concello de Marín prepara unha "intensa e longa programación" que se estenderá durante toda a fin de semana do 17 de maio, convertendo a vila nun referente literario galego, segundo avanzou a concelleira responsable da área Marián Sanmartín.
"Será unha iniciativa coa que Marín se transformará tendo a literatura como eixo central", asegurou a responsable municipal, quen anunciou que nas próximas semanas comezarán a desvelarse os detalles deste ambicioso proxecto cultural cun gran evento central.
Un dos puntos destacados desta programación será a entrega do tradicional premio literario dotado con 1.000 euros, que terá lugar durante o acto institucional do Día das Letras Galegas.
Os autores interesados en participar no XVIII Premio de Narración Curta Concello de Marín teñen oportunidade de presentar os seus manuscritos ata o 2 de maio ás 14.00 horas.
A presentación realizarase a través do sistema de plica, enviando os traballos ao Concello marinense en dous sobres separados, coa obra asinada baixo pseudónimo.
O xurado dará a coñecer o seu fallo o 14 de maio, apenas tres días antes da celebración central das Letras Galegas, na que se entregará este galardón único e indivisible.
As escritoras Arantza Portabales e Elena Gallego xunto aos xornalistas Susana Pedreira e Ramón Rozas conformarán o xurado desta edición do certame.