Estudio Bonobo crea unha versión xuvenil dos Pixies para reinterpretar "Doolittle" en directo

Pontevedra
19 de febreiro 2022

Unha trintena de alumnos e alumnas, con idades comprendidas entre os 6 e 18 anos, participan na quinta edición das xa clásicas Ao vivo Sessions desta escela de música na que este ano gravarán en directo as 13 cancións que compoñen o disco desta emblemática banda

Alumnado da escola de música Estudo Bonobo gravan en directo as cancións do disco "Doolittle" dos Pixies Mónica Patxot

Na pel dunha auténtica banda de rock. Así están a pasar esta fin de semana os alumnos da escola Estudo Bonobo, que iniciaron o venres a gravación en directo do disco "Doolittle", dos Pixies. 

"Este ano escollemos este disco porque é o favorito de todos os profes e iso que ten estruturas que son un pouco crebacabezas e unhas voces moi difíciles de imitar, pero ao final foi un acerto", defende orgullosa a profesora Violeta Mosquera, integrante do grupo Bala e última pregoeira das festas da Peregrina.

De facer unha versión das cancións desta icónica banda encargaranse unha trintena de alumnos con idades comprendidas entre os 6 e os 18 anos. "Eles teñen moitos menos medos e prexuízos que nós", recoñece Gonzalo Maceira, director da escola, quen cría ao principio que poderían fixar un reto demasiado complicado para os estudantes.

"Ao final vimos que unha voz agresiva cantada por unha nena pequena funciona e iso é o máxico", puntualiza Violeta, satisfeita co resultado dos últimos ensaios e segura de que a gravación vai ser todo un éxito.

Non é a primeira vez que organizan un proxecto destas características cos seus alumnos. De feito, esta é a quinta edición dunhas Live Sessions que xa son unha marca propia deste estudo situado na rúa San Antoniño de Pontevedra. "Poucas cousas como esta fanse no mundo", asegura Violeta.

A historia empezou no 2018 facendo unha versión en directo un disco "moi bonito" como o de "In Rainbows" de Radiohead. Ao ano seguinte, aumentaron os decibeis con "Californication" de Red Hot Chilli Peppers. Continuaron con "Blue Album" de Weezer e o ano pasado cambiaron de rexistro para facer algo en español.

O disco "Un día no Mundo", de Vetusta Morla foi o elixido e o resultado, inmellorable. "Vetusta compartiunos nas súas redes e era algo que pretendiamos, darlle repercusión ao traballo que fan os alumnos", explica Maceira, que tamén fixo chegar aos autores os proxectos anteriores, pero nunca obtivo resposta.

A idea de realizar estas gravacións en directo comulga á perfección coa filosofía da escola de música de Bonobo. "Traballamos por proxectos e sempre estamos a buscar fórmulas para reunir aos alumnos e que traballen xuntos, á marxe dos seus proxectos persoais", explica Maceira como xurdiu a idea de facer unha versión cada ano "referencias musicais que nos influíron a nós e tamén a eles".

Ao principio a actividade estaba moi controlada, os profesores tomaban parte da gravación e só participaban uns poucos alumnos. "Pero en canto fomos collendo táboas a historia foi crecendo e cada vez metiamos a máis alumnos", relata o director. Para esta fin de semana están citados uns trinta alumnos e alumnas que farán unha versión das 13 cancións que compoñen o disco

Con todo, a covid-19 segue estando presente e máis dun estudante terá que perderse a cita por gardar corentena. E para superar este contratempo tiveron que chamar a algún exalumno da escola, que aceptaron a invitación sen pestanexar.

Á marxe dos coñecementos que adquiren durante a preparación deste proxecto, participar nestas Live Sessions supoñen unha experiencia única que traslada aos músicos a un escenario real. Deben aprenderse as partituras e as letras, pero tamén lidar co nerviosismo dunha actuación en directo, diante das cámaras.

"É a maxia do reto", resume Violeta, entusiasmada polo clima de "compañeirismo súperchulo" que se xera e a confianza en se mesmos que adquiren os participantes.

"Isto facémolo por amor á arte e por darlle a oportunidade aos alumnos de vivir esta experiencia", engade a profesora, quen se mostra orgullosa do recoñecemento que obtiveron por parte da Deputación, que xa lles concedeu un premio, ou polos centos de visualizacións que acumulan na súa canle de Youtube, ao que están subidas todas as cancións das catro gravacións en directo realizadas ata o momento.

Outro logro dos responsables do Estudo Bonobo é o de meter na espiral da música ás novas xeracións de pontevedreses. Boa parte da canteira musical da Boa Vila leva o seu selo, de feito seis bandas saídas do programa municipal Xeración Sónicas están xa preparando as súas propias gravacións, Rebel Spirtis, unha banda formada por alumnas da escola, estreou xa o seu primeiro disco e "temos outro alumno que pronto vai dar moito que falar", avanza orgulloso Maceira, que xunto ao seu equipo de profesores e amantes da música, seguirán puíndo os diamantes que cada ano pasan pola súa escola.