Estrea en Pontevedra da serie documental sobre a vida e obra do misioneiro frei Rosendo Salvado

Pontevedra
28 de novembro 2024

En catro episodios de media hora, "Rosendo Salvado: aventura e misión dun galego en Australia" relata a biografía deste relixioso, nacido en Tui en 1814

Rosendo Salvado recreado con Inteligencia Artificial
Rosendo Salvado recreado con Inteligencia Artificial Bierzo Paradiso

O salón de actos do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolleu este mércores a presentación da serie documental sobre a vida e obra do misioneiro benedictino frei Rosendo Salvado, dirixida por Valentín Carrera para a Televisión de Galicia.

En catro episodios de media hora, "Rosendo Salvado: aventura e misión dun galego en Australia" relata a biografía deste relixioso, nacido en Tui en 1814.

Foi un gran viaxeiro, escritor, emprendedor, precursor da homeopatía, antropólogo, científico e teólogo que participou no Concilio Vaticano. Segundo Valentín Carrera, foi "o primeiro galego global da historia".

Tamén foi músico e as súas composicións pon a banda sonora a esta serie de televisión que, entre outras cousas, desmente a crenza popular que atribúe a Rosendo Salvado a introdución do eucalipto en Galicia.

O director do documental asegura que as viaxes de Rosendo Salvado compiten con grandes exploradores como Cook, Darwin, Humboldt ou o tamén misioneiro David Livingstone pois "navegou máis de cen mil millas" e "cruzou dez veces os mares entre Europa e Australia".

Valentín Carrera apunta que a vida deste monxe tudense é "tan emocionante como descoñecida", dentro e fóra de Galicia.

Tamén sinala que Rosendo Salvado foi "un defensor avanzado dos dereitos humanos e da igualdade" sendo o primeiro que incorpora ás nenas e mulleres á misión e que foi un loitador pola dignidade e dereitos dos aborígenes australianos.

Cun guion "profundamente documentado", esta serie "salda unha débeda pendente no patrimonio audiovisual galego", segundo sostén o seu director.

Para gravala o equipo viaxou a Australia Occidental para percorrer os principais fitos xeográficos na vida de Salvado, como Nova Nursia, onde está enterrado o misioneiro e onde permanece a misión benedictina que fundou hai case dous séculos.