Espectáculos familiares durante esta fin de semana en Vilaboa

Vilaboa
06 de xullo 2024

Este sábado ás 20.00 horas na Carretera Vella en Paredes terá lugar unha función de 'A Libraría Máxica', de Inventi Teatro. O domingo será a quenda de Crunch 2 no Adro de Festas de Bértola. Ademais, esta fin de semana celébrase en San Adrián de Cobres a festa na honra de San Roque e a Virxe do Carme con verbenas e diversas actividades

Banda de Música de Vilaboa Concello de Vilaboa - Arquivo

'A Libraría Máxica', de Inventi Teatro, chega este sábado, ás 20.00 horas, á Carretera Vella en Paredes, no municipio de Vilaboa. 

Esta función teatral para todos os públicos ofrece unha divertida historia de dous libreiros, interpretados por Bea Campos e Marcos Alonso, nunha proposta que rende homenaxe ao pequeno comercio, ás tendas de barrio e que busca achegar ao público infantil ao mundo da literatura e da lingua galega.

O domingo, ás 20.00 horas, no Adro de Festas de Bértola, levará a cabo unha función de Crunch 2

Trátase dun espectáculo familiar con malabares, saltos, corda frouxa e equilibrios imposibles de superheroes.

Tamén esta fin de semana a parroquia de San Adrián de Cobres celebra a festa en honra a San Roque e á Virxe do Carme. Este sábado a gran verbena será protagonizada pola Banda de Onte e o trío Area.

O domingo 7 celebraranse pasacalles coa Banda de Música de Vilaboa. Ás 11.00 horas está prevista a procesión marítima, que dará paso á misa solemne cantada, que finalizará coa actuación da Banda de Música.

Ao mediodía está prevista unha mexillonada. Durante a noite chegará unha nova verbena coa agrupación Xtra.