'Hydra' é o título da curtametraxe realizada pola alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes, Ana Pérez Valdés, que foi unha das seleccionadas polo xurado para formar parte da sección oficial do Canadian Interntional Fashion Film Festival (Canifff), un evento especializado nunha serie de pezas audiovisuais nas que a moda e o vestiario teñen un papel protagonista.
A curta foi realizada no 2018 no marco dun obradoiro impartido polo cineasta Eloy Enciso e impulsado pola Vicerreitoría do campus e o festival Novos Cinemas, no que os participantes debían crear curtas inspiradas na contorna do río Lérez.
As ruínas do antigo balneario foron neste caso o escenario principal dunha peza que outorgaba un papel protagonista a unha serie de creacións téxtiles que catro egresadas de Esdemga desenvolveran como parte dos proxectos de fin de estudos.
"Que lles pareza interesante a peza e que a xente poida ir vendo o teu traballo é algo que está moi ben, porque ademais estou investigando neste ámbito e así podes ter certa visibilidade de cara ao futuro", comentou Pérez Valdés.