Mulleres atrapadas. Mulleres que se liberan. Mulleres que loitan. Mulleres que din que non. É o fío condutor de Libres e vivas, a antoloxía de relatos de dez autoras de primeiro nivel en Galicia que logrou reunir Galaxia no seu novo proxecto editorial.
Todas elas reflexionan nas súas historias sobre cuestións relacionadas coa igualdade, o terrorismo machista, a violencia patriarcal ou o dereito das mulleres para vivir en liberdade e sen medos. Un destes relatos está asinado por unha autora pontevedresa: Elisabeth Oliveira.
Nesta entrevista con PontevedraViva, Elisabeth Oliveira explica que "aceptei encantada" a proposta da editorial Galaxia para participar neste libro conxunto. "Xa tiña unha idea de relato desde hai tempo e foi a ocasión perfecta para sacalo", asegura.
"Foi unha alegría moi grande", recoñece esta autora afincada en Pontevedra, que afirma que "é unha honra" compartir este proxecto con escritoras "que leo con moito pracer e admiración" como María Canosa, Mercedes Queixas ou Berta Dávila.
Cada unha das dez escritoras, narradoras de diferentes ámbitos creativos como Paula Carballeira, Anxos Sumai, Charo Pita, Esther F. Carrodeaguas, María López Sández ou María Xosé Porteiro, asinan historias protagonizadas por mulleres que son auténticos berros de liberdade.
No caso de Oliveira, o seu relato é o de Lara, unha muller cunha vida asentada "do máis banal e normal do mundo", segundo a súa creadora, que debe enfrontarse con recordos "que tiña escondidos e apagados" e que lle fan rememorar "violencias do pasado".
A partir de aí "decide facer algo", empoderarse e liberarse deses recordos "que lle fan a vida imposible". Lara é unha destas mulleres que "loitan por ser libres e seguir vivas".
Para crear esta historia, desde Galaxia "déronnos liberdade absoluta", lembra a escritora, que ata o de agora centrara a súa traxectoria na poesía. De feito, Náufragas no mar e na terra -o seu anterior poemario (publicado en 2019)-, "xa ía por ese camiño" do feminismo.
A literatura, como outras expresións culturais como o cine ou a música, permite que o público "se mergulle nestas historias", algo que Elisabeth Oliveira ve positivo porque "todo o que sexa facer pensar axuda a que as cousas cambien".
"Ogallá fora unha historia de ciencia ficción falar disto", engade a escritora, que apunta que aínda que Europa é "un dos mellores sitios do mundo para ser muller", as mulleres seguen "sometidas de moitas formas" debido a un sistema social que é "totalmente patriarcal".
Escribir sobre violencia machista "aínda é necesario", segundo subliña a autora, polo que animou ás súas compañeiras para seguir denunciando esta situación a través das súas creacións literarias "para sacudir as mentes e as conciencias" dos lectores.
O seu traballo diario como profesora de francés no instituto Valle Inclán de Pontevedra faille ver que estas condutas machistas "aínda están no noso ADN" a pesar dos avances que, en materia de igualdade, se fixeron nos últimos tempos.
Oliveira advirte que "aínda hai moitas rapazas que non identifican situacións de abuso ou de acoso" e ven "normal" ou mesmo "desexable" que os seus noivos lles revisen o teléfono móbil "porque para elas é unha proba de amor", mentres que a eles "cústalles moito" darse conta de que os roles atribuídos a homes e mulleres "son nefastos e negativos".
"Se non fora necesario reivindicar que queremos ser libres e facer o que queiramos, non tería sentido o 8M", reflexiona esta escritora, que reitera que "infelizmente aínda necesitamos seguir falando destas cousas" para contrarrestar actitudes machistas.