'Eles transportan a morte' leva o premio a mellor película do festival Novos Cinemas

Pontevedra
19 de decembro 2021

O festival fixo públicos este domingo os premios da súa sexta edición, despois de seis días nos que proxectou 24 películas de máis dunha vintena de cineastas emerxentes

David Pantaleón, Helena Girón, Samuel M. Delgado, Arantza Santesteban e Beli Martínez, premiados en Novos Cinemas 2021 Novos Cinemas

A sexta edición de Novos Cinemas xa ten gañadores, tras desvelar este domingo a organización a súa palmarés de 2021 despois de seis xornadas na que o festival proxectou 24 películas de máis dunha vintena de cineastas emerxentes.

O Xurado Internacional formado polo cineasta Álvaro Gago, a programadora Inês de Lima e a música e actriz Cora Velasco, outorgou o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial ao filme 'Eles transportan a morte', de Helena Girón e Samuel M. Delgado, destacando que se trata de "un filme que esculpe a través da súa materialidade sensible e agreste unha fantasmagoría que nos infecta e asómbranos", entre outras cousas porque "filma corpos coma se fosen paisaxes", sinalan. 

Ademais outorgouse unha mención especial a 'Actual People', de Kit Zauhar, "por ser unha aposta valente, xenerosa e delicada, que explora a complexidade do proceso da procura identitaria desde un lugar vulnerable e baixo o abrazo continuo da beleza contida no fracaso".

Pola súa banda o Xurado Novo composto por estudantes da Universidade de Vigo concedeu o Premio á Mellor Dirección da Sección Oficial a 'Clara Sola', de Nathalie Álvarez Mesen "por ser unha visión moi orgánica cunha exposición dos personaxes moi complexa, sen estigmatizar. Un tema tratado con sensibilidade, onde se presentan moi conectadas a relación entre os personaxes, a natureza e o espiritual".

Outorgan tamén unha mención especial por votación a 'Rendir los machos', de David Pantaleón, entre outros aspectos, "por como traballa a composición, a fotografía e a sucesión dos planos".

O Premio do Público, escollido polas persoas que asistiron ás proxeccións, recaeu tamén en 'Rendir los machos', de David Pantaleón.

En canto ao Premio Latexos, o xurado desta categoría decidiu que sexa para '918 Gau', de Arantza Santesteban, por "a maneira que ten a directora de contar un conflito político desde o íntimo, facéndoo de forma arriscada, coherente e con concisión cinematográfica".

O Premio do Xurado da Crítica foi para 'Re Granchio', de Alessio Rigo de Righi e Matteo Zoppis "por ser capaz de transmitir a experiencia dos relatos orais europeos e latinoamericanos manexando con mestría os ritmos de narración".

Por último nesta última categoría o xurado outorgou unha mención especial a 'No existen 36 maneras de mostrar cómo un hombre se sube a un caballo', de Nicolás Zukerfeld.

Palmarés edición 06 from Novos Cinemas on Vimeo.