Edelmira Cacheda Otero, primeira autora de obra dramática en galego, recibirá unha homenaxe da man de Arume

Pontevedra
18 de setembro 2024

O evento, que terá lugar no Teatro Principal os días 21 e 22 de setembro ás 20:00 horas, contará coa colaboración da Agrupación Folclórica Celme e do grupo Os Alegres

Presentación da homenaxe a Edelmira Cacheda Otero Concello de Pontevedra

Edelmira Cacheda Otero é a autora da primeira obra dramática escrita en galego por unha muller.

O grupo pontevedrés Teatro Arume ten previsto realizar unha homenaxe a esta escritora, que terá lugar no Teatro Principal os días 21 e 22 de setembro ás 20:00 horas.

A agrupación teatral presentará a peza 'Contos que van para feira', publicada en 1961 e considerada un fito na historia da literatura galega.

Ademais, o público poderá gozar doutras obras como 'Xantar de memoria', amosando así a riqueza do legado de Cacheda Otero.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presentou esta mañá os detalles do evento, acompañado por Juan García de Teatro Arume, Dionisio Aboal de Os Alegres, e Quique Domínguez de Celme.

Gómez destacou a importancia de homenaxear a "unha figura como a de Edelmira Cacheda Otero, filla de emigrantes galegos que ao seu regreso a Galicia creou xunto ao seu marido a agrupación infantil Caraveliños".

A programación inclúe dúas xornadas con colaboracións especiais:

  • Sábado 21: Actuación de Teatro Arume coa colaboración da Agrupación Folclórica Celme.
  • Domingo 22: Teatro Arume contará co acompañamento do grupo Os Alegres.

Juan García, de Teatro Arume, quen tivo a oportunidade de coñecer persoalmente a Cacheda Otero, autora que faleceu en abril de 2011, expresou que "na agrupación xa representaramos o ano pasado no 45 aniversario algunha das pezas de Edelmira con algunha limitación. Desta volta, e grazas á implicación do Concello, quixemos facer a homenaxe que Edelmira merece".

Agárdase a presenza de varios familiares da autora no evento, que se amosaron "encantados con esta iniciativa", segundo García.

A entrada para ámbalas funcións será libre ata completar a capacidade do Teatro Principal.