Este martes foi tempo para a maxia con Galicia Ilusiona que recalou en Pontevedra na súa xira pola nosa Comunidade.
A praza de España acolleu o espectáculo de Víctor Cerro, que fixo do escapismo unha das súas armas á hora de sorprender aos presentes.
Víctor Cerro chegou coa proposta "Desafíos Extremos: Home Diana e Porta do inferno".
No primeiro caso empregou unha ballesta xigante, de dous por tres metros, e que proxectaba lanzas de case dous metros de lonxitude. Acendían unha mecha e esta arma disparábase. Na diana estaba Víctor Cerro encadeado con grilletes, cadeas, bridas e tiña que escapar antes do disparo da lanza.
Pola súa banda, Adrián Conde mixturou a maxia e o clown no seu espectáculo "Piccolo Camerino". Neste caso o público agardaba no escenario da Alameda o comezo da función cando chega tarde "un pallaso disfrazado de persoa" mais o camerino está detrás do escenario e o público xa está esperando. Como fixo para vestirse diante de tanta xente? Por sorte, na súa maleta cabe un mundo, e no seu mundo un pequeno camerino.
Así que, cun colgadoiro de dous metros, narices de pallaso que se multiplicaban e ata unha gravata de 28 metros de longo, logrou o aplauso e as risas do público.
Este mércores comezan os espectáculos de rúa con Itineranta no centro histórico e a actuación do actor Carlos Blanco cun monólogo nas Pistas de Campolongo a partir das 22.30 horas, dentro da programación das Festas de Verán.