"É importante que haxa plataformas para visibilizar historias de memoria histórica"

Pontevedra
15 de abril 2021

A dramaturga Ana Abad de Larriva recibiu este xoves oficialmente o premio que a faculta como gañadora do I Certame de Microteatro da Memoria organizado pola Deputación e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e destacou que "as artes escénicas son un bo medio para traballar dende a palabra e dar vida a estas persoas"

Entrega do premio do I Certame de Microteatro da Memoria Deputación de Pontevedra

A dramaturga Ana Abad de Larriva recibiu este xoves oficialmente o premio que a faculta como gañadora do I Certame de Microteatro da Memoria organizado pola Deputación de Pontevedra e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e, con motivo da entrega formal do galardón, quixo aproveitar por poñer o foco na importancia de que existan certames desta natureza para visibilizar e poñer na luz historias que "están no cotiá" e que "coa súa pequena gran achega abriron moita luz no medio da escuridade". 

Ana Abad destacou que "é importante que haxa plataformas para visibilizar historias de memoria histórica, que forman parte da historia de Galiza, do noso común, do que somos agora" e agradeceu a aposta deste premio polo teatro como ferramenta para chegar á xente porque "as artes escénicas son un bo medio para traballar dende a palabra e dar vida a estas persoas".

A dramaturga recibiu o premio da man da deputada de Memoria Histórica, María Ortega, que destacou que a obra logrou expresar a realidade de moitas das mulleres galegas que viviron en anos moi escuros. "Non podo máis que parabenizar a Ana polo seu traballo e agradecer á ESAD o seu compromiso coa memoria por poñer en valor a actual e antigo alumnado", sinalou. 

Ortega tamén salientou que Abad de Larriva foi quen de plasmar a súa peza, 'Un biolo na noite', os eixos que persegue o departamento de Memoria Histórica da Deputación de "ter en conta a perspectiva de clase, de país e de xénero"

A obra gañadora, escollida entre 22 traballos, está baseada en feitos reais: a historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui, que viviu agochado durante catro anos nun furado na adega da casa da súa nai María, figura que se pon en valor por percorrer os montes para irlle buscar as menciñas ao fillo e vender roscas na feira para poder mantelo. 

María Ortega sinalou que destaca pola empatía ao abordar a situación das mulleres na guerra e na posguerra en Galicia, polos recursos teatrais e polo "excelente" tratamento lingüístico. 

A vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez Dapena, tamén presente no acto, subliñou que se trata dunha pequena peza chea de emoción, un texto "fermoso, delicado e comprometido" e que é un orgullo para a ESAD que a autora sexa unha ex alumna con grande "capacidade técnica e dramática de plasmar a traxedia sufrida por mulleres e homes na guerra civil e na posterior represión".

A responsable do departamento de Normalización Lingüística da ESAD, Irene Moreira, destacou que a peza gañadora fala do "subversivos que son os actos cotiás das mulleres que no golpe militar axudaron a levar a dor que iso provocou" e eloxiou o tratamento técnico e dramatúrxico.