"É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga"

Pontevedra
21 de febreiro 2020

Rosalía de Castro, "unha muller que si nos representa", en palabras de Carmela Silva, foi a protagonista este venres no Pazo Provincial. Con motivo da conmemoración do Día de Rosalía, repartíronse  gratuitamente libros en galego e camelias, os versos da autora soaron musicados polo grupo 'Xardín desordenado' e leuse un manifesto da AELG 

Día de Rosalía na Deputación de Pontevedra Roberto Alonso

Rosalía de Castro, "unha muller que si nos representa", en palabras da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi este venres a protagonista na sede do Pazo Provincial. Con motivo da conmemoración do Día de Rosalía, repartíronse gratuitamente libros en galego e camelias, os versos da autora soaron musicados polo grupo 'Xardín desordenado' e todos os presentes renderon homenaxe a unha das pezas fundamentais das letras galegas. 

O acto, co que se conmemora o nacemento da escritora de Padrón -o aniversario é o 24 de febreiro-, tivo como eixo central a lectura do manifesto con motivo do Día de Rosalía da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), titulado 'Ambos errantes polo mundo andamos' e que leu a escritora e xornalista Montse Fajardo.

"É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente", reivindica o texto, redactado por Daniel Asorey.

Moi reivindicativo, o manifesto engade: "Levamos no sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia". E reivindica o papel de Rosalía nunha época na que as xentes "silenciadas" recuperaron o alento e como muller que "desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das mulleres".

Ademais de reivindicar que "no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar" e que foi artífice de "vacinas contra a xenofobia que han formar parte do noso ADN", a AELG, na voz de Montse Fajardo, defende que grazas a esta autora imprescindible para a cultura propia de Galicia, os galegos aprenderon "a ollar, a saber, a ser". "Dende entón, a nosa voz foi para sempre palabra de muller", engade. 

Carmela Silva deu as grazas á AELG e a Montse Fajardo por poñer voz a un texto "valente" que supón "un grito contra a barbarie" que algúns queren volver impoñer mentres que a deputada de Lingua e Patrimonio, María Ortega, quixo reivindicar a Rosalía como unha figura que "trascendeu ao seu tempo" e a "transversalidade do seu pensamento". 

Ademais, María Ortega deu a coñecer que a Deputación de Pontevedra vai poñer a disposición do público, a través do servizo de Patrimonio documental, un dos 313 exemplares dunha edición limitada en facsímile que recolle os manuscritos poéticos de Rosalía de Castro que sobreviviron á fogueira que ela pediu que acabara cos orixinais da súa obra literaria despois da súa morte. 

A edición facsimilar, de 640 páxinas presentouse este venres no Pazo Provincial e está previsto que a partir de agora todas as persoas que o desexen poidan consultalo na biblioteca do Arquivo Provincial. Recolle a obra poética da autora e reproduce manuscritos de poemas (algúns con estrofas inéditas) que sobreviviron á destrución ordenada pola propia Rosalía tras a súa morte.