E con Abraham Mateo chegou... o escándalo

Pontevedra
11 de agosto 2015

Miles de adolescentes gozaron do espectáculo do cantante de Cádiz na Praza de España. Un grupo de fans pasaron 24 horas fronte ao escenario, antes do recital, co obxectivo de gardar o mellor sitio para ver o seu ídolo
 

Concerto de Abraham Mateo nas Festas da Peregrina 2015 Diego Torrado

Con tan só 16 anos, o cantante gaditano Abraham Mateo é capaz de causar mareos e de provocar a histeria de miles de fans. Así o demostrou durante a noite deste luns 10 no terceiro concerto da Semana Grande das Festas da Peregrina.

O mozo ofreceu o mellor da súa carreira artística coa presentación do seu segundo traballo, 'Who I Am', que xa obtivo o Disco de Platino en España. O seu espectáculo foi unha demostración de diversas coreografías con bailes que causaban entusiasmo entre os seguidores deste compositor, cantante, bailarín e actor.

Durante as últimas 24 horas antes do concerto, un grupo de mozos, procedentes de diferentes puntos da península, gardaran sitio ante o escenario da Praza de España co obxectivo de situarse o máis preto posible do artista. Dende o Concello facilitóuselles auga para que os fans non sufrisen deshidratación ante as altas temperaturas que se rexistraron durante o luns. Unha vez que Abraham Mateo saltou ao escenario, o cansazo da espera transformouse nun alboroto de berros de entusiasmo ante a presenza do ídolo xuvenil.

Na noite deste martes 11, o mesmo escenario será ocupado por Macaco, un dos artistas latinos máis influentes na escena musical. Este cantante ofrece unha mestura de reggae, rumba e diferentes sons latinos mesturados con pop. O concerto comezará ás 22.30 horas e a entrada é gratuíta.