Dúas semanas de cinema e actividades paralelas dan forma á programación do FICBueu

Bueu
10 de agosto 2022

O Festival Internacional de Cinema de Bueu celebra entre o 11 e o 24 de setembro a súa edición número quince  

Público na sala de proxección do FicBueu en 2021 FICBUEU

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebra do 11 ao 24 de setembro, presenta o cronograma da programación para a décimo quinta edición, marcado pola nova estrutura do festival que divide o mesmo en varios apartados diferenciados, estando a primeira semana reservada para a proxección das principais seccións competitivas.

O evento dará comezo o domingo 11 ás 19 horas cun acto inaugural onde se estrearán as curtametraxes realizadas durante os meses anteriores coas asociacións Érguete de Vigo e Juan XXIII de Cangas. No segundo día comezarán as primeras sesións de proxección, cunha programación que seguirá a mesma estrutura todos os días ata o venres 16. 

A diferenza estará en que neste último día, ás 17 horas, exhibiranse as curtas da Sección Descubertas, mentres que no mesmo horario de martes a xoves visionaranse as pezas da Sección Retrospectiva.

Logo tocará a primeira quenda da Sección Oficial, composta por unha selección das mellores curtametraxes internacionais, ás 19 horas. Tras isto chegarán os coloquios coas directoras e os directores dalgunhas das pezas proxectadas, ás 20.30 horas, para logo ter unha segunda sesión da Sección Oficial ás 21 horas, coa que se pecharán as actividades durante esta primeira semana.

O sábado pola tarde será o turno da Sección España. Logo desta primeira sesión será o coloquio coas e cos cineastas participantes neste apartado ás 18.30 horas. A partir das 19 horas dará comezo a Sección Galicia R, trala que tamén se poderá asistir ao correspondente coloquio coas e cos participantes ás 20.30 horas.

A penúltima actividade do sábado será a entrega de premios do FICBUEU 2022. Pechará a xornada e a primeira semana do festival o concerto de clausura ao cargo da artista Tulsa, que será na Praza Massó con acceso libre.

A segunda semana terá unha programación especial para a rapazada e os centros de ensino. 

Toda a información pódese consultar nesta páxina web e nas redes sociais do festival, onde se irán anunciando as novidades, como as curtametraxes seleccionadas para esta edición, comezando polas Seccións Competitivas a partir do 9 de agosto, ou a venda de entradas, que estará dispoñible nas vindeiras semanas.