Dous premios para recoñecer o talento feminino nos sectores literario e audiovisual

Pontevedra
21 de abril 2023

"Hai unha voz" e "Mulleres no foco", convocados pola Deputación, concederán tres premios, de 5.000 euros cada un. As candidaturas poderán presentarse do 25 de abril ao 24 de maio

Gala Mulleres no foco 2022 Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de anunciar a convocatoria de dous premios destinados a recoñecer a pegada das mulleres no ámbito literario e audiovisual. 

Dunha banda, nacen os galardóns "Hai unha voz", unha das iniciativas xurdidas do Manifesto de Soutomaior para distinguir traxectorias de mulleres no eido da literatura galega durante o ano 2022 e que se encadren nunha das seguintes categorías: escritoras, editoras ou profesionais do sector do libro.

Este premio nace coa colaboración da asociación Clásicas e Modernas.

E, por outra parte, lanzarase a terceira edición dos premios "Mulleres no Foco", que recoñecen o labor e obra das profesionais galegas do audiovisual. A Deputación promove estes premios con CIMA (Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais).

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que en ambos casos, concederanse tres premios, cada un dotado con 5.000 euros, "porque a cultura ten valor, e tamén ten prezo, e as administracións temos que achegar recursos á cultura para que poida seguir desenvolvéndose".

Carmela Silva quixo destacar que "vai ser moi difícil" o ditame destes galardóns en dous sectores nos que as mulleres están a conseguir grandes recoñecementos.

O prazo de presentación de candidaturas será do 25 de abril ao 24 de maio.