Dobre sesión de cinema en Caldas co Ciclo Mestre Mateo

Umia
17 de outubro 2023

O Auditorio Municipal acollerá o pase do filme "Valentina" dirixido por Chelo Loureiro ás 18:30 horas e seguidamente o documental "María Casares, a muller que viviu mil vidas" sobre a actriz galega, ás 20.30 horas 

Imaxe do filme de animación ‘Valentina’, dirixido por Chelo Loureiro Valentinafilm.com

O Auditorio Municipal de Caldas acollerá este mércores 18 de outubro unha dobre sesión cinematográfica ao abeiro da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo.

Esta iniciativa está promovida pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. 

Deste xeito, ás 18:30 horas terá lugar o pase do filme de animación 'Valentina', dirixido por Chelo Loureiro e finalista nesta categoría dos galardóns, mentres que ás 20:30 horas será a quenda de 'María Casares, a muller que viviu mil vidas', recoñecido como mellor documental nestes premios.

No primeiro caso, o filme amosa a historia de Valentina, unha nena que soña con ser trapecista, pero que cre que nunca poderá conseguilo por ter a síndrome de Down. A película está tamén producida por Chelo Loureiro, xunto a Noa García, Brandán de Brano, Mariano Baratech e Luís de la Matta, e conta coas voces de Andrés Suárez, María Manuela, Uxía e Pilocha, entre outras, cunha banda sonora obra de Nani García. 

Por outra banda, 'María Casares, a muller que viviu mil vidas', con guión e dirección de Xavier Villaverde, propón unha aproximación íntima e profunda á vida da actriz, unha figura fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX. Trátase dunha homenaxe desde a súa Galicia natal, á que nunca esqueceu, no marco do primeiro centenario do o seu nacemento.

Ao longo do documental, interveñen María Lopo, Emilio Grandío, Manolo Rivas, Mabel Rivera, Johanna Silberstein, Jorge Lavelli, Marion Chénetier-Alev e Manolo Lourenzo.