Do folk á música máis tradicional pasando polo gospel ou o funk, todo nunha soa noite en Pontevedra

Pontevedra
12 de agosto 2020

O concerto máis multitudinario foi o ofrecido por Broken Peach nas pistas de Campolongo a partir das dez e media da noite, a pesar de que durante a actuación mesmo chegaron a caer unhas pequenas pingas de auga. A noite musical pontevedresa completouse con Talabarte na praza da Ferrería e Os Xesteira na praza de España

Concerto de Os Xesteira na praza de España Cristina Saiz

Nin a ameaza de choiva nin que fose martes impediu que a noite de Pontevedra volvese vibrar ao ritmo da música. Os concertos programados de modo case simultáneo nas prazas da Ferrería e España e as pistas de Campolongo volveron encherse de vida e música na cuarta xornada de actuacións sobre os tres escenarios. 

O concerto máis multitudinario foi o ofrecido por Broken Peach nas pistas de Campolongo a partir das dez e media da noite, a pesar de que durante a actuación mesmo chegaron a caer unhas pequenas pingas de auga. O grupo vigués logrou encher as cadeiras preparadas polo Concello para evitar aglomeracións e houbo espectadores que tiveron que quedar fóra do recinto, aínda que sempre baixo estrito cumprimento das normas sanitarias. 

Soul, funky, gospel ou rock foron soaron sobre o escenario nunha fusión de música e espectáculo que conquistou os espectadores. Esta banda xa resultara un éxito no seu concerto nas festas da Peregrina de 2019 na Ferrería e este 2020 regresou ás pistas de Campolongo para consolidar a súa boa relación cos pontevedreses, que se renderon á súa estética coidada, a súa orixinalidade e a forza das súas voces femininas que dan personalidade a todas as versións de cancións que realizan. 

A noite musical deste martes inaugurouna Talabarte na praza da Ferrería ás dez da noite. O concerto non logrou reunir a tantos espectadores como en xornadas anteriores e as cadeiras instaladas pola organización para cumprir coas recomendacións sanitarias antI Covid-19 foron suficientes para todos os espectadores que acudiron a gozar desta cita en acústico e baseada na música tradicional. 

Sobre o escenario, o violin de Quim Farinha, o acordeón diatónico de Pedro Pascual e o contrabaixo de Kin García fixeron un repaso polas músicas populares de Galicia con toques a jazz, tango ou música tradicional de distintas zonas de Europa.

Tampouco na praza de España se esgotaron as cadeiras para gozar do concerto de Os Xesteira, pero o bo ambiente nada tivo que envexar ao de noites pasadas. Os irmáns cambadeses Anxo e Roi sacaron moito partido aos instrumentos tradicionais sobre o escenario e os espectadores seguiron os seus ritmos de folk totalmente entregados. 

A programación musicial das festas da Peregrina continúa este mércores ás 22.00 horas na praza da Ferrería con 'Onte e Hoxe' e ás 22.30 horas chegarán á praza de España 'As Cantigas de Elena' con Pepe Vaamonde e Xisco Feijóo e ás pistas de Campolongo os Black Stones.

Arquivado en