'Do final e do comezo’ reune as indagacións sobre as súas orixes de 27 artistas formadas na facultade de Belas Artes

Pontevedra
10 de xaneiro 2024

Un total de 27 novas tituladas protagonizan desde este martes unha nova edición de 'Do final e do comezo', a exposición que cada ano reúne no Pazo da Cultura unha escolma de obras nacidas como traballos de fin de grao na Facultade de Belas Artes

Exposición 'Do final e do comezo’ Mónica Patxot

Un total de 27 novas tituladas protagonizan desde este martes unha nova edición de 'Do final e do comezo', a exposición que cada ano reúne no Pazo da Cultura unha escolma de obras nacidas como traballos de fin de grao (TFG) na Facultade de Belas Artes. 

Comisariada pola egresada e xestora cultural Alexandra R. Rey e promovida polo Concello de Pontevedra e a facultade, a mostra permite coñecer a diversidade de temáticas e disciplinas nas que o alumnado de Belas Artes afonda ao longo da súa etapa formativa. 

Estas, como salientou a súa comisaria, vense nesta ocasión conectadas pola “necesidade de indagar sobre o punto de orixe” que se reflicte na meirande parte dos proxectos.

A exposición, que foi inaugurada este martes e que poderá visitarse ata o 11 de febreiro, reúne creacións que amosan como é toda unha xeración de artistas.

'Do final e do comezo' é un proxecto expositivo que iniciou o profesor Juan Carlos Meana, falecido o pasado ano, na súa etapa á fronte do Decanato, e polo que foron pasando un bo número de docentes da facultade como comisarios, tendo nos últimos anos como responsables a profesoras asociadas moi novas ou a exalumnas como Alexandra R. Rey. 

As obras das 27 artistas foron seleccionadas nunha convocatoria aberta, con independencia da cualificación obtida por cada TFG, xa que o obxectivo das coordinadoras da mostra é crear unha narrativa que sexa coherente, na que, por desgraza, non poden estar todos. 

VISITAS GUIADAS

Co obxectivo de facer o máis accesible posible a arte contemporánea, a exposición está complementada por segundo ano consecutivo por unha serie de visitas guiadas para a toda cidadanía. Terán lugar os días 17 e 24 de xaneiro e 7 de febreiro ás 17.30 horas e os días 21 de xaneiro e 3 e 11 de febreiro, ás 12.00 horas, e a estas sumaranse outras para grupos escolares. 

Ademais, a mostra complétase con obradoiros impartidos polas propias artistas participantes, que ao igual que as visitas contarán con inscrición previa a través do servizo Apúntate do Concello.