Dez escritoras e dez ilustradoras crean o primeiro libro feminista das asinantes do Manifesto de Soutomaior

Pontevedra
22 de marzo 2023

A obra contén textos de Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega, todas elas asinantes do Manifesto

Presentación de 'Ti non sabes o que é ser escritora', o libro feminista das asinantes do Manifesto de Soutomaior Mónica Patxot

O Salón de Plenos do Pazo provincial acolleu este martes a presentación do libro 'Ti non sabes o que é ser escritora', composto por textos orixinais e inéditos de Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega, escritoras asinantes do Manifesto de Soutomaior.

Son nove obras de ficción e unha investigación histórica que están acompañadas de ilustracións de 10 creadoras "aliadas" do Manifesto: Luz Beloso, Celeste Garrido, Andrea Jano, María Lapido, Lara Lars, Andrea López, Blanca Millán, Gloria Pavía, Alba Troiteiro e Sofía Venzel. 

'Ti non sabes o que é ser escritora' trátase, en palabras da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, dun "calidoscopio do que supuxo e supón desgraciadamente ser muller nunha sociedade patriarcal e machista como a nosa", a través de "personaxes e situacións coas que absolutamente todas nós nos podemos ver reflexadas e sentirnos identificadas". 

A presidenta tamén puxo en valor "o talento das escritoras da nosa provincia e do noso país, mulleres dunha altísima calidade literaria, as mellores do mundo". 

Esta publicación forma parte da programación do 8 de marzo da Deputación e do plan de acción posto en marcha ao abeiro do Manifesto de Soutomaior para rachar coas desigualdades que sofren as mulleres no eido das letras.

A Deputación de Pontevedra edita 1.500 exemplares deste libro que se fará chegar aos concellos, aos centros educativos e diversas entidades da provincia de Pontevedra. O volume rematouse de imprimir, de xeito consciente e simbólico, o 8 de marzo de 2023, cando se fixeron 16 meses da sinatura do Manifesto de Soutomaior.