Desde abril ata final de ano, a obra de Antonio Palacios resplandecerá no Museo

Pontevedra
31 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Un simposio sobre o pintor vai desenvolverse entre o 4 e o 6 de abril no Museo de Pontevedra. Incluirá a visita ás súas obras máis emblemáticas en Vigo, Nigrán, Baiona, O Porriño e Mondariz-Balneario. As pinturas conservadas no Museo Provincial exponranse a partir do simposio ata finais deste 2024

'Unha sala do Museo de Pontevedra', de Antonio Palacios Museo de Pontevedra - Deputación Provincial

A primeira semana de abril comeza o simposio 'Antonio Palacios. Obra e legado' no Museo de Pontevedra.

Más de vinte arquitectos, investigadores e especialistas na figura de Palacios daranse cita do 4 ao 6 de abril en Pontevedra para analizar a modernidade da obra do arquitecto do Porriño e o seu impacto no patrimonio.

Esta cita organízase entre o Museo e o grupo de investigación IDEAHS da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido por Jesús Ángel Sánchez, catedrático de Historia da Arte; e Álvaro Bonet, arquitecto da Universidade Politécnica de Madrid.

Aínda quedan prazas dispoñibles para as conferencias e mesas redondas programadas para o xoves 4 e o venres 5 de abril no Edificio Castelao.

EXPOSICIÓN ATA FINAIS DE 2024

Ao mesmo tempo, o Museo reserva un espazo nas salas da súa exposición permanente para mostrar as pinturas e debuxos que forman parte da colección de Antonio Palacios no Museo.

A relación de Palacios co Museo estableceuse desde o inicio da institución. Desta forma, consérvanse dous pequenos retratos femininos, pezas realizadas durante a súa mocidade que pertenceron ao seu gran amigo o caricaturista Sileno.

Tamén se conserva a primeira imaxe gráfica dunha das salas do Museo de Pontevedra no edificio Castro Monteagudo, un óleo pintado por Palacios o 28 de agosto de 1929, poucos días máis tarde da inauguración.

Tamén se conserva un lenzo que se atribúe a Palacios con reservas. É unha obra dunha vista da rúa de Alcalá na que sobresae o Círculo de Belas Artes.

A mostra complétase con cinco postais de Antonio Palacios dirixidas a Sileno. As obras estarán dispoñibles ao público ata finais de ano con motivo do 150 aniversario do nacemento do prestixioso arquitecto.