A Deputación convoca a primeira edición dos premios de deseño Xuventude en E-maxes

Pontevedra
24 de marzo 2025
Actualizado: 16:44

Outorgaranse premios valorados en 2.000 euros e os traballos gañadores terán un espazo destacado nas portadas da sección de Xuventude do portal web da institución provincial

Premios Provinciais á Xuventude
Premios Provinciais á Xuventude Depuración de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de convocar a primeira edición dos premios de deseño Xuventude en E-maxes co obxectivo de facer á mocidade partícipe do proxecto que a institución provincial está a desenvolver para a dinamización deste grupo de idade na provincia de Pontevedra.

Outorgaranse premios valorados en 2.000 euros e o prazo de inscrición estará aberto entre o 1 de abril e o 30 de maio do presente ano.

As mozas e mozos poderán presentar traballos que deberán representar á xuventude da provincia en conxunto ou os seus concellos, amosando valores como a diversidade ou a pluralidade, sen texto ou letras.

Os premios están divididos en dúas categorías. A primeira delas, portadas, está destinada a encabezar as dúas seccións principais da sección de Xuventude do portal institucional provincial: 'Espazo Deputación' e 'Espazo Concellos'. Cada un deles estará dotado de 300 euros e poderán participar mozas e mozos de entre 15 e 35 anos empadroados na provincia, presentando soamente un traballo por cada sección.

Na segunda categoría, recursos dos Concellos, poderán participar os centros educativos da provincia (poderán presentar un traballo máximo por aula e tantos traballos como aulas teñas o centro) tanto de primaria como de secundaria.

Escolleranse 61 imaxes gañadoras, unha por municipio, que se converterán na imaxe representativa de cada concello dentro do 'Espazo Concellos' e, ademais, formarán parte dunha exposición que se organizará como actividade complementaria do segundo encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes.

Entre estas 61 imaxes escolleranse tres gañadoras que recibirán tres premios de 650, 450 e 300 euros destinados a realizar saídas educativas ou a compra de material didáctico.