Delorean e Anni B Sweet, novas incorporacións ao Atlantic Fest da Illa de Arousa

O Salnés
20 de abril 2017

Dúas novas propostas súmanse ao cartel da segunda edición do Atlantic Fest, o festival que se celebrará na Illa de Arousa do 30 de xuño ao 2 de xullo. Trátase de Delorean e Anni B Sweet, dúas referencias do panorama musical independente en España

Anni B. Sweet Subterfuge Events

Dúas novas propostas súmanse ao cartel da segunda edición do Atlantic Fest, o festival que se celebrará na Illa de Arousa do 30 de xuño ao 2 de xullo. Trátase de Delorean e Anni B Sweet, dúas referencias do panorama musical independente en España.

Ambos actuarán o 1 de xullo no escenario Son Estrella Galicia e compartirán protagonismo con Los Planetas, Lori Meyers, Maxïmo Park, The Temper Trap, Rosalía & Raül Refree, Joe Crepúsculo e Os Amigos dos Músicos.

Delorean leva un longo tempo camiñando entre a liña do pop e a electrónica, escribindo cancións dance coma se fosen pop e producindo discos de pop para a pista de baile. O seu novo disco Muzik (2016), é un abrazo ao legado da música electrónica, sen abandonar do todo a débeda que teñen co son house.

O máis recente traballo de Anni B Sweet leva por título Chasing Illusions, un disco vitalista no que a luz e a esperanza cóanse nunhas composicións encantadoras, con melodías perfectas, onde resalta a privilexiada voz da artista andaluza.

Son cancións que se moven entre o soul dos sesenta, a new wave dos 80 e a pegada rock dos setenta conseguindo un son clásico pero ao mesmo tempo cheo de personalidade.

As entradas para o Atlantic Fest atópanse á venda a través da páxina web do festival a un prezo de 48 euros.