Máis dunha vintena de artistas protagonizarán este ano o ciclo Concertos do Marisco que se celebrará na Praza do Corgo de O Grove, entre os días 3 e 12 de outubro, coincidindo cunha nova edición da Festa do Marisco. Todas as actuacións son gratuítas.
Será, como é habitual, unha programación "diversa e de calidade", segundo os seus responsables, que combinará voces consolidadas da escena musical nacional e internacional coa presenza de novos artistas con gran proxección e numerosas bandas locais.
Así, dúas bandas mecas serán as encargadas de abrir a festa o xoves 3 de outubro, Caballito e Freshkiños. O venres día 4 será a quenda de dous dos grupos galegos máis populares da actualidade, The Rapants e Mondra, con o DJ Djow para pechar a festa.
Entre os grandes nomes de Concertos do Marisco está o dúo de música pop-electrónica Delaporte, que subirá ao escenario o sábado 5, despois de Carlangas y los Cubatas. Serial Killerz, un dúo de DJ que mesturan o rock e a electrónica, tamén actuarán o sábado.
Esa primeira fin de semana da festa completarase o domingo 6 cos concertos das galegas Cinco en Zocas e Guadi Galego.
Durante a semana as bandas locais serán as encargadas de animar a Praza do Corgo. Serán Os Firrás e Arroba de Viño (luns 7), Fla-Meco (martes 8) e A Banda do Sequío (mércores 9). O xoves 10 tocarán Os Carismáticos e o grupo de rock valenciano Santero y los Muchachos.
A artista catalana Queralt Lahoz, unha das voces máis destacadas do panorama independente, tamén pasará por O Grove o venres 11, así como o músico arxentino Ariel Rot, coñecido por formar parte de bandas como Tequila ou Los Rodríguez. Pechará a noite o DJ Nanein.
Para a noite do sábado 12, os Concertos do Marisco darán a coñecer nas próximas semanas unha última confirmación, unha banda de gran relevancia a nivel nacional, que acompañará ao grupo galego Terrae e a Manu TF.