Este martes 24 de maio, con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas, o CEIP da Lama acollerá a representación 'De Valdeorras a México. Terra a nosa', a partir das 11.00 horas.
Trátase dun espectáculo familiar para difundir a obra e a vida do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, o intelectual homenaxeado pola Real Academia Galega con motivo das Letras Galegas 2022. A representación organizada polo Concello da Lama, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, quere con esta proposta achegar ao alumnado detalles sobre este escritor.
Daniel Vidal, concelleiro de Cultura e Deportes, destacaba que lle parece de "vital importancia" achegar a lingua e a cultura galega atodos os estudantes. "O galego forma parte do que somos e empregalo no día a día é a única maneira de seguir manténdoo vivo por mil primaveras máis", afirma o edil que invita á veciñanza do municipio a ler na lingua galega.
O espectáculo teatral ofrecerá tamén unha creación dunha ilustración e a interpretación de varios temas musicais. Ao finalizar a representación, os asistentes participarán nun coloquio adaptado ás idades do alumnado e poderán realizar unha caricatura de Florencio Delgado Gurriarán dentro dun obradoiro de debuxo.