De Cuba a Nova York sen saír do Teatro Principal para homenaxear aos emigrantes con máis arte

Pontevedra
12 de novembro 2023

O espectáculo pretendeu "homenaxear a figura dos homes e das mulleres que fixeron as súas vida na emigración e deixaron a súa pegada nas artes escénicas, musicais e líricas". Tamén foi un recoñecemento a Pondal e Pascual Veiga, Curros Enríquez e José Castro e lembrar tamén a Xosé Fontenla Leal como promotores e creadores do Himno Galego

Espectáculo músico-teatral ‘Cando saín de Cuba’ de Os de Algures Cristina Saiz

Os espectadores que se achegaron este sábado ata o Teatro Principal fixeron unha vistosa e emocionante viaxe entre Cuba e Nova York. Os guías foron os integrantes da asociación de gaiteiros 'Os de Algures' e tiveron como compañeiras de percorrido a 90 persoas que subiron ao escenario para representar a aventura.

Todo foi grazas ao espectáculo músico-teatral 'Cando saín de Cuba', unha proposta que resulta a continuación da peza 'De Pontevedra a Habana', presentada o ano pasado neste mesmo espazo. 

Esta proposta multidisciplinar pretendeu "homenaxear a figura dos homes e das mulleres que fixeron as súas vida na emigración e deixaron a súa pegada nas artes escénicas, musicais e líricas". Así o explican desde 'Os de Algures', que tamén quixeron facer un recoñecemento a Pondal e Pascual Veiga, Curros Enríquez e José Castro e lembrar tamén a Xosé Fontenla Leal como promotores e creadores do Himno Galego.

As persoas de maior idade que estaban entre o público puideron dun repertorio de pezas musicais que os levaron a outras épocas, como 'Dos gardenias', 'El manisero', 'Guantanamera', 'Quizás' ou 'Vivir lo nuestro'.

As 90 persoas implicadas neste proxecto forman parte de 10 agrupacións locais de disciplinas como o teatro, a danza ou a música e levaron ao Principal unha escenografía espectacular acompañada por un vistoso vestiario. 

A peza estivo dividida en 4 actos nos que pasaron polo escenario 12 músicos de 'Os de Algures', 30 coristas do Coro Vinderel do IES Xunqueira 1 de Pontevedra, os músicos da orquestra cubana 'Rompiendo la rutina', bailaríns da Asociación de danza e teatro 'Cafuné', 6 bailaríns da escola de danza 'Pontebaile', actores e actrices do grupo de 'Teatro Argallada e 'Tarabelo'', 16 figurantes dos grupos de 'Teatro Cafuné', 'Galidanza' e 'Tremoioas de Algures'.