Dakidarría, Guerrera ou Mad Professor, entre as quince bandas que actuarán no SonRíasBaixas

Bueu
16 de marzo 2017

Ata quince bandas serán finalmente as que subirán ao escenario da décimo quinta edición do festival SonRías Baixas, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de agosto en Bueu. Aos nomes xa coñecidos súmanse os de Dakidarría, Guerrera, Mad Professor, Pedrá, Zoo e os bosnios Dubioza Kolectiv

A banda bosnia Dubioza Kolectiv SonRías Baixas

Ata quince bandas serán finalmente as que subirán ao escenario da décimo quinta edición do festival SonRías Baixas, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de agosto en Bueu. Aos nomes xa coñecidos súmanse os de Dakidarría, Guerrera, Mad Professor, Pedrá, Zoo e os bosnios Dubioza Kolectiv.

Así o confirmaron os organizadores do festival, que aseguran que o cartel completarase coas bandas gañadoras do concurso Sonidos Mans e máis o DJ SonRías.

Dubioza Kolektiv é unha banda que aposta por unha particularísima -e delirante- combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore bosnio. Con ela, conseguiron converterse nunha das bandas máis populares da Europa do Leste, líderes na loita social para o cambio desde os escenarios. Chegan co disco Happy Machine.

Produtor e remesturador de cabeceira de artistas de renome mundial, Mad Professor é un dos magos de estudo máis coñecidos da historia. É unha das grandes figuras da segunda xeración do dub. O seu proxecto máis coñecido é No Protection, brillante reinterpretación dos temas do segundo álbum de Massive Attack, Protection.

Desde Nigrán ata Bueu viaxa a big band galega que máis dá que falar dentro do novo panorama musical estatal. Unha descarga de festa e compromiso que porá o público do SonRías Baixas a bailar, a pensar e a soñar co seu directo electrizante. Dakidarría logra un son fresco, divertido e desenfadado coa súa particular fusión de ska, reggae e punk-rock e pon a festa ao servizo das loitas sociais.

Música electrónica que mestura rap con trombóns e guitarras rockeiras, toques mediterráneos e ritmos festivos. Así é o directo dos valencianos Zoo, unha descarga de enerxía non-stop. Veñen a Bueu co seu segundo álbum, Raval, debaixo do brazo.

Guerrera é unha banda galega que parte do blues experimental e a psicodelia dos 70, alcanzando novas sonoridades cunha marcada personalidade propia. Os riffs incisivos e os ritmos de potencia marcial son a marca da casa, pero a eles súmanse influencias tan variadas como o folclore suramericano ou a tradición xudía. 

Por último, os Pedrá son unha banda tributo a Extremoduro que non parou de cultivar éxitos, boas críticas e horas sobre os escenarios. Suman xa máis de 30 versións e 300 concertos por toda a xeografía española, nos que sementaron o rock transgresivo coa forza, o bo rollo e a boa música que caracteriza a esta banda. 

Estes nomes súmanse aos xa anunciados Todos Tus Muertos, Estopa, Amparanoia, Sés, Narco e o proxecto persoal do cantante de El Puchero del Hortelano, ARCO

Rock, punk, rumba, rap, reggae, ska, dub, blues, música de raíz... do máis popular ao máis alternativo, do máis consolidado ao máis innovador, o SonRías Baixas celebrará a súa 15 edición cun menú musical apto para os padais máis exquisitos.

As entradas para esta edición do festival están á venda na web e -dende este xoves- nos puntos de venda físicos por 35,50 euros máis gastos.