Da Pontevedra oceánica de Xurxo Souto á Sés máis reivindicativa. Volven as 'Visitas Cruzadas' ao Museo

Pontevedra
08 de abril 2018

Ambos os músicos guiaron a grupos de 25 visitantes pola súa particular visión do Sexto Edificio e o Edificio Sarmiento de Pontevedra, ofrecendo unha visita diferente, persoal e divertida.  Sés reivindicou a arte como "crítica social" e  Xurxo Souto a Pontevedra como "capital de todos os océanos"

Sés exerce de guía (e cantante) na 'visita cruzada' no Museo PontevedraViva

As súas caras e as súas voces non adoitan pasar desapercibidas estean no punto de Galicia que estean e pensar neles é sinónimo de evocar un escenario ou música soando, pero este domingo ofreceron a 50 afortunados unha nova faceta: guías culturais.

Eles son os músicos María Xosé Silvar, coñecida como Sés; e Xurxo Souto e foron os encargados de estrear a segunda edición das 'Visitas Cruzadas' coas que a Deputación Provincial busca mostrar o Museo de Pontevedra desde unha perspectiva diferente

As visións de Sés e Xurxo Souto non puideron ser máis dispares, a pesar de que mesmo houbo artistas e salas que coincidiron na súa particular visita ao Sexto Edificio e o Edificio Sarmiento do Museo: Alfonso Daniel Rodríguez Catelao e Fernando Álvarez de Sotomayor. Mentres Souto centrouse nunha visión de Pontevedra como "capital de todos os océanos", Sés decantouse por un percorrido máis reivindicativo no que defendeu a arte como "crítica social". 

Fronte á idea comunmente estendida de que os museos son lugares aburridos, Sés considera "primordial" defender que "o pobo ten que entrar nos museos e nos teatros, que, ademais, son sitios super divertidos". E con esta premisa guiou aos asistentes polo Museo. Decidiu centrarse en tres obras que lle serviron para explicar o movemento expresionista e os dous tipos de arte que, segundo a súa particular visión, existe: "o que defende o stablishmente e o que o ataca". En ambos, considera "imposible" separar arte de política

O oleo 'De volta' de Fernando Álvarez de Sotomayor (1955), o debuxo 'A paisaxe non se come, meu vello' de Catelao (1916-18) e a escultura 'Adversidade e morte' de Uxío Souto (1928). Estas foron as tres obras nas que se detivo, na primeira para criticar o regionalismo e a apología do folclorismo e as outras dúas como manifestacións artísticas representativas de que "a arte esixe valentía" e crítica social para denunciar as miserias sociais que se vivían nas épocas de cada un deles e que, en moitos casos, continúan hoxe en día. 

"Uxío Souto morreu no exilio. Que pouco di esta frase e canto pesa!", reivindicou Sés. É, exactamente, o que para ela debería conseguir unha peza artística, pois "a arte ten que expresar, senón, non é arte".

Máis variada foi a visita de Xurxo Souto. Quen no seu día se deu a coñecer como líder de 'Os Diplomáticos de Monte-Alto' utilizou como fío condutor a "Pontevedra como capital do mar, dos océanos" e ofreceu unha visita na que o acompañou en todo momento o son dunha "corna" e un berro de guerra, "Medre o mar! Medre!", que os visitantes repetiron con el. 

O percorrido incluíu desde a época prehistórica e os traballos das mariscadoras ata o poder metalúrxico da cultura catrexa, a figura de Paio Gómez Charino ou a arte galega dos séculos XIX e XX, unha época na que non faltaron as referencias a Fernando Álvarez de Sotomayor, Ovidio Murguía, o Pazo de Lourizán e a "época de esplendor" na que Pontevedra estivo "representada na política española oficial polo cacique Montero Ríos" .

No pano de fondo estivo sempre o mar e "a apoteose da natureza" que, para el, representou como nade Castelao nos seus grandes murais de 'Cegos', punto final da súa visita.

Un mesmo edificio, os mesmos visitantes e dúas visións completamente distintas, aínda que en ambas acabaron cantando. Os 50 cidadáns que conseguiron as entradas gratuítas dispoñibles, que esta semana se esgotaron en menos dun minuto, tiveron a oportunidade de coñecer ambas as perspectivas en dous grupos de 25 que intercambiaron guía e, tras ambas, compartiron debate e aperitivo por cortesía do Museo.

Tras o éxito alcanzado pola iniciativa en 2017, este mes de abril volverá haber 'Visitas Cruzadas' cada domingo nunha segunda edición coa iniciativa xa consolidada e novos invitados de excepción. Sés e Xurxo Souto abriron un programa que o vindeiro domingo 15 permitirá ter como guías polo Museo á cantante e actriz Iria Pinheiro e o director da editorial Urco, David Cortizo.

As persoas interesadas en inscribirse poderán enviar un correo electrónico á dirección gabinetedidactico.museo@depo.es a partir das 8.00 horas deste luns 9 de abril.