Curtametraxes relevantes nos Goya, Cannes ou Venecia compiten no FICBUEU

Bueu
08 de setembro 2024

 O Festival Internacional de Cinema de Bueu proxectará desde este luns algunhas das mellores curtametraxes realizadas durante o último ano no ámbito internacional

Fotograma de 'Faire Un Enfant' FICBUEU

O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) celebra a súa décimo sétima edición con proxeccións que se inician este luns 9 cunha selección das mellores curtametraxes realizadas no último ano a nivel mundial.

A "Sección Oficial" do certame inclúe 29 películas procedentes de 18 países, abarcando unha ampla diversidade xeográfica e de xéneros.

As proxeccións terán lugar no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu, con dúas sesións diarias ás 19:00 e 21:30 horas, incluíndo coloquios con cineastas e membros dos equipos dos filmes.

Entre as obras destacadas figuran:

  • "Et se le soleil plongeait dans l'ocean de nues" (Líbano), gañadora do Premio Especial do Xurado en Clermont-Ferrand.
  • "Avec l'humanité qui convient" (Francia), premiada como mellor ópera prima de ficción en Clermont-Ferrand.
  • "Cros my heart and hope to die" (Filipinas), nomeada en Venecia.
  • "Faire un enfant" (Canadá), premiada en Locarno e distinguida en varios festivais internacionais.
  • "Lemon tree" (EE.UU.), nomeada en Cannes e baseada nunha historia real.

O festival tamén inclúe destacadas obras de animación como "Un trou dans la poitrine" (Canadá), "The Miracle" (Bélxica) e "Wander to wonder" (Holanda), todas elas premiadas en prestixiosos certames internacionais.

A representación galega está presente con tres curtametraxes: "O frío" de Pablo Dopazo, "Habitar" de Anxos Fazáns e "Platónico, Platónica" de Xacio Baño.

Ademais, participan outras obras españolas como "O soldao" de Alejandro Cabrera e "Aunque es de noche" de Guillermo García López, gañadora do Goya á mellor curta de ficción en 2023.