Culturgal repasará o audiovisual galego analizando os éxitos de 'O Corno' e 'Matria'

Pontevedra
26 de novembro 2023

A décimo sexta edición da Feira das Culturas Galegas, que se vai desenvolver do 1 ao 3 de decembro no Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra ofrecerá unha programación con máis dun cento de actividades entre as que se poderá asistir á proxección de 'Honeymoon', de Enrique Otero, e avances de seis películas galegas sen esquecer as propostas de animación audiovisual

Álvaro Gago e María Vázquez, na estrea de "Matria" en Berlín, estarán no Culturgal Avalon

A décimo sexta edición deCulturgal, a Feira das Culturas Galegas, que se desenvolverá do 1 ao 3 de decembro no Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra ofrecerá unha programación con máis dun centenar de actividades entre as que se poderá asistir a actividades que recollen a actualidade do sector audiovisual en Galicia, que atravesa "anos dourados".

Desta forma, o Culturgal contará cun coloquio especial sobre a exitosa 'O Corno', coa presenza da directora Jaione Camborda e Anna Palazón, educadora perinatal que asistiu na conceptualización da película que gañaba a 71 edición do Festival de San Sebastián.

Neste encontro a "doula", termo no que se fai referencia ás persoas que axudan ás nais durante o embarazo, o parto, postparto e coidados posteriores, explicará detalles para que o público teña coñecementos sobre o proceso de documentación dun filme recoñecido polo realista retrato que ofrece sobre a maternidade.

Tamén se celebrará un coloquio sobre 'Matria coa presenza do director Álvaro Gago e de María Vázquez, a actriz protagonista. Ademais, a este encontro tamén acudirá Francis, a muller que inspira ao personaxe de Ramona.

Durante Culturgal vai proxectarse 'Honeymoon', último traballo de Enrique Otero, director da referencial 'Crebinsky'. A nova película trata a historia dun matrimonio en destrución que debe traer de volta a casa o corpo sen vida do seu fillo. Haberá un coloquio co produtor Adrián Pino.

A Asociación Galega de Produtoras Independentes tamén presentará seis filmes: 'As Neves', 'Filmei paxaros voando', 'La Parra', 'Da túa man para a miña', 'Cinema Paríso, Leiro' e 'Aurora'.

A Feira amosará obras de animación como 'El sueño de la sultana', relato feminista sobre un conto indio, e o público tamén terá a oportunidade de coñecer o proceso de realización dunha película de animación coa produtora María Varro Guntín.

Por último, Culturgal acollerá a presentación do documental 'La guerra de Miguel', unha coprodución con Líbano e Alemaña. Este traballo recolle a historia dun homosexual libanés que repasa os traumas que lle provocaron a súa fuxida a España. Este documental formou parte do programa Panorama da Berlinale.