Culturgal pecha a súa 15ª edición cun acto de agradecemento ás empresas expositoras e aos patrocinadores

Pontevedra
27 de novembro 2022

Ao redor de sete mil visitantes achegáronse á Feira no Pazo da Cultura de Pontevedra

Culturgal

As persoas que se achegaron á Culturgal durante a fin de semana atopaban unha exposición que percorría os quince anos da Feira a través do traballo gráficos cos carteis de todas as edicións. 

Pero ademais a organización do evento non quixo deixar pasar este aniversario sen facer un acto de agradecemento público a patrocinadores, equipo de traballo e, especialmente, ás empresas expositoras que confían na Feira. 

O domingo 27, última xornada da Culturgal, celebrouse unha acto de conmemoración do 15 aniversario no que se atoparon diferentes equipos directivos que tivo a Feira, os expositores deste ano 2022 e representación dos patrocinios institucionais: Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Deputación da Coruña. 

Sete mil persoas aproximadamente, segundo os datos provisionais da organización á falta do peche da Feira ás oito da tarde, achegáronse ao Pazo da Cultura de Pontevedra a gozar da Culturgal do venres 25 ao domingo 27.

No acto de celebración do quince aniversario da Feira foi Manuel Bragado, presidente da Asociación Culturgal en diferentes periodos desde a súa constitución, o encargado de facer un recorrido histórico e sentimental do evento. 

ÚLTIMA XORNADA CON TEATRO E PERFORMANCE

Pechou Culturgal o domingo 27 cunha xornada na que na mañá foron protagonistas dúas propostas de artes escénicas ben diferentes pero co denominador común da espectacularidade da posta en escena. 

Por unha banda, Cubo, unha peza teatral de Elefante Elegante para público infantil e familiar e, por outra, #Multiperspectivas2 de Paula Quintas que converteu o Espazo Arte da Culturgal nunha sorte de circo funambulista moi celebrado polo público asistente.

Ademais, na última xornada de Culturgal, obradoiro de palabras e de rap para a rapazada, o concerto da orquestra de ukeleles 'Ukestra do Medio' e a presentación do documental 'Tralos pasos de María Casares' de Sabela Hermida e Isabel Blanco. 

No Espazo Libro, recital con poetas premiados nos últimos tempos e presentacións editoriais con autoras como Bibiana Candia, Pepe Cáccamo, Andrea Maceiras, María Meijide e María Reimóndez, entre outras.

Talía Teatro con "A parábola do angazo" foi a compañía que pechou a última xornada da Feira no Auditorio do Pazo da Cultura.

DIFERENTES ESCENARIOS, PÚBLICOS DIVERSOS

Para Eva Alonso, a directora da Feira, un dos elementos máis destacables desta décimo quinta edición, na que ela se estreou como responsable do evento, é constatar como os diferentes espazos da Culturgal concentran a diversidade de gustos e intereses do público redistribuíndoo por todo o Pazo da Cultura.

Alén do libro e da programación infantil e familiar, que son xa "clásicos Culturgal" a directora da Feira subliña o interese que suscitaron as propostas do Espazo Arte, con obradoiros participativos, propostas performativas e, incluso, a posibilidade de asistir en directo á produción dunha escultura por parte do escultor portugués Pedro Figueiredo, no marco da Bienal de Arte de Vilanova de Cerveira, e o impulso da programación profesional nesta edición especial. 

"Iniciamos un camiño para que os profesionais e empresas vexan necesario e de interese estar aqui, atoparse, falar, emprender proxectos, sumar esforzos, contactar tamén cos públicos tan diferentes que se achegan. Facer de Culturgal un espazo no que a xente que opera na cultura veña non só a gozar das propostas xerais senón a participar nun ha programación especialmente deseñada para eles", sinala Alonso.

 

Arquivado en