A quinta edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia pecha as súas portas, despois de tres días de intensa actividade, co refrendo do público e a vontade de seguir "medrando e sorprendendo á xente coa calidade e a biodiversidade cultural galega".
O presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, que organiza o evento, salientaba este domingo o dobre refrendo do público á feira: "primeiro, asistindo, e despois, implicándose economicamente nun tempo tan complicado e mercando os produtos que ofrecen as empresas expositoras".
O presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Manuel Bragado, salientou o aumento de actividades e público, "a pesar do recorte orzamentario" e recordou que "nun contexto no que o sector arrastra unha caída do 30% dende comezo de ano, que na Feira non só se manteñan as vendas senón que medren é un gran éxito".
En palabras do director Ignacio Vilar, para o sector audiovisual Culturgal é "a constatación de que a cultura neste país é un negocio rendible e con futuro". "Ver tanta xente dános ánimos para seguir neste oficio", conclúe.
A concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, afirmou que "nestes tres días intensos de Culturgal está recollida unha gran parte da realidade cultural do país". Neste sentido, asegura que a cidade de Pontevedra se sinte "orgullosa" de poder recoller o evento e ten vontade de serguir avanzando xuntos no futuro.