Culturgal desconfínase e recupera a presencialidade "sen perder de vista a dixitalización"

Pontevedra
13 de xullo 2021

Culturgal foi un dos tres eventos mellor valorados do Estado dentro da convocatoria de axudas para a acción e a promoción cultural. O 11 de novembro, 15 día antes da edición 2021, a organización está convidada a un acto na Fundación Telefónica de Madrid promovido polo Ministerio de Cultura no que se presentará o proxecto

Presentación de Culturgal 2021 na ponte do Burgo Cristina Saiz

"Culturgal 2021 desconfínase" e, ao mesmo tempo dará "un paso máis adiante na experiencia de dixitalización" do ano pasado, dunha edición 2020 na que se celebrou en formato virtual sen presenza de pública. Bebendo desa experiencia, e para expandir as actividades e propostas culturais, creará unha canle de televisión de fin de semana a xeito de magazine. Será, polo tanto, unha edición na que prime a presencialidade "sen perder de vista a dixitalización".

Así o anunciaron este martes  o presidente e o director de Culturgal, Víctor López e Xosé Aldea, durante a presentación oficial da 14 edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o venres 26 e o domingo 28 de novembro.

A presentación oficial contou coa presenza de tres das principais institucións que fan posible Culturgal, o Concello de Pontevedra; a través da concelleira Carmen Fouces; a Deputación Provincial, a través da deputada Victoria Alonso; e a Xunta de Galicia a través do o director da Agadic, Jacobo Sutil. 

Faltou a representación do Ministerio de Cultura e Deporte, outro dos patrocinadores da feira. No seu nome, Víctor López anunciou que Culturgal foi un dos tres eventos mellor valorados do Estado dentro da convocatoria de axudas para a acción e a promoción cultural. O 11 de novembro, 15 día antes da edición 2021, a organización está convidada a un acto na Fundación Telefónica de Madrid promovido polo Ministerio de Cultura no que se presentará o proxecto.

Víctor López explicou que o lema deste ano será "A cultura que toca" porque consideran que recolle todo o significado que lle van dar a esta primeira edición post covid-19, "fomentar o contacto entre a acción cultural ao vivo e o público, entre as empresas e axentes culturais". Esta edición será "a do reencontro, a da recuperación, a do contacto directo coa cultura", e a feira volverá ser o "punto de encontro entre as persoas como seres sociais e culturais que somos".

Ademais, "agora máis que nunca toca cultura", como unha forma de "superar a crise, fomentar o diálogo, o respecto e a diversidade"

Tamén estivo cargado de simbolismo o lugar escollido para a presentación, a ponte do Burgo, que, segundo Víctor López, "simboliza esa necesidade que todos temos de recuperarnos como seres sociais" e de recuperar o goce do espazo público. 

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces, explicou que se presenta na ponte do Burgo "como metáfora do que para nós significa a cultura, leva 800 anos sendo de tránsito, de conexión entre a xente, a cultura, a economía, os comerciantes, como xeradora de riqueza". 

Xosé Aldea anunciou que este martes queda aberta a convocatoria de reserva dos 114 stands de Culturgal e tamén o prazo para presentar candidaturas para os contidos que van formar a feira de 2021 e convidou ao sector cultural a presentar as súas propostas, pois, tal e como lembrou, a programación da Culturgal non a deseñan os organizadores, "constrúese con propostas chegadas das empresas, das entidades e institucións, dos creadores e artistas".

As propostas para a programación poden presentarse ata o 15 de setembro a través da web cultur.gal. Teñen prioridade aquelas procedentes de empresas asociadas a Culturgal, é dicir, ás pertencentes a Escena Galega, Agapi, Asociación Galega de Editoras, Eganet e Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), que tamén gozan de desconto na reserva de stands.

A deputada de Cultura e Igualdade na Deputación, Victoria Alonso, reiterou a aposta da institución provincial pola feira e Jacobo Sutil definiu Culturgal como "un pouco punta de lanza da cultura galega".

Tamén anunciou que terá especial protagonismo o Xacobeo 21-22, "un acontecemento fundamental para empurrar o sector tras esta crise". Na Feira haberá actividades organizadas dentro da programación do Xacobeo e no stand da Xunta difundiranse todas as iniciativas autonómicas para a súa difusión e promoción.