Culturgal avanza as accións do Centro Dramático Galego nunha decena de países

Pontevedra
27 de novembro 2022

A montaxe da compañía pública 'O charco de Ulises' é unha das catro finalistas a mellor espectáculo estranxeiro nos 60º Premios Florencio da Asociación de Críticos Teatrais de Uruguai a raíz das representacións ofrecidas o ano pasado en Montevideo

Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez Culturgal

O Centro Dramático Galego protagonizou na tarde este sábado en Pontevedra unha das presentacións da terceira xornada da feira Culturgal para detallar as diferentes accións de internacionalización da escena galega impulsadas pola unidade de produción teatral da Xunta, así como para avanzar os proxectos que porá en marcha en 2023 co obxectivo de continuar afondando na proxección exterior do noso teatro e dos seus profesionais.

Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, expuxeron no Espazo Profesional os principais fitos desta actividade internacional, que se estende a unha decena de países a través da implicación da compañía pública en dous proxectos europeos e noutros programas de intercambio, ademais da organización de xiras e a presenza en festivais con producións propias e coproducións.

"Esta mesma semana soubemos da candidatura de O charco de Ulises a mellor espectáculo estranxeiro na 60ª edición dos Premios Florencio que outorga a Asociación de Críticos Teatrais de Uruguai", explicou Jacobo Sutil, quen lembrou que precisamente hai un ano o Centro Dramático Galego cruzaba por vez primeira o Atlántico para ofrecer representacións desta produción en Montevideo e Bos Aires, en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración.

Pola súa banda, Fran Núñez subliñou que a Galicia exterior, coa ollada posta na colectividade galega en América e Europa, é unha das catro liñas de traballo que o Centro Dramático Galego explora a través do seu programa de internacionalización. Ao tempo, a unidade de produción teatral da Xunta está a intensificar os lazos con institucións, compañías e festivais portugueses para exhibir as súas producións, realizar coproducións e acoller programas de intercambio como as Quintas do Camões.

Outro dos eixes ten que ver coa situación xeográfica de Galicia como ponte entre América e Eurasia, participando en redes internacionais como a Eurasia Theater Association e promovendo a colaboración de formacións galegas con estruturas foráneas, como o traballo de Cinema Sticado coa turca Tíyaro Eksen no espectáculo Tolo; mentres que o cuarto estase a enfocar cara aos vínculos de Galicia coa cultura de raíz celta a través da próxima posta en marcha dun proxecto xunto a entidades de Bretaña, Escocia, Gales e Irlanda.

PROXECTOS EUROPEOS

O director do Centro Dramático Galego detívose, así mesmo, nos dous proxectos europeos dos que forma parte a compañía institucional: Nós/Nous e Phone. O primeiro deles conta tamén coa implicación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e doutras sete entidades de Francia e de Portugal para lle achegar ao alumnado unha experiencia de creación e interpretación no contexto profesional dos teatros públicos asociados.

Pola súa banda, o proxecto Phone reúne estruturas teatrais de sete países (Holanda, Francia, Romanía, Italia, Irlanda e Alemaña, ademais de España) co obxectivo de poñer en valor de linguas minoritarias a través das artes escénicas, desenvolvendo conxuntamente producións e coproducións, residencias artísticas, podcast e vodcast, encontros profesionais e publicacións.

ACTIVIDADE NO STAND

Ademais desta presentación, a actividade da Xunta nesta penúltima xornada da 15ª edición de Culturgal intensifícanse especialmente no stand institucional xa desde a mañá. Neste espazo, Paula Quintas e Kirenia Martínez Acosta comparten a súa experiencia en investigación e creación no ámbito das artes do movemento con motivo das súas respectivas coproducións co Centro Coreográfico Galego.

A continuación, desenvólvense as diferentes quendas do obradoiro de papiroflexia, impartido por Anaquiño de Papel e organizado pola Cidade da Cultura de Galicia, mentres que pola tarde o stand da Xunta acolle un sorteo vinculado á proxección do filme Unicorn Wars e é o escenario dun showcase da cantautora Antía Muíño e dos trucos do Mago Teto.

Entre a trintena de actividades coas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe directamente á programación da feira Culturgal, da que é principal entidade patrocinadora, destaca tamén o taller creativo que Natalia Santamaría imparte esta tarde no Espazo Arte, baixo a organización do Centro Galego de Arte Contemporánea, así como tres das citas que acolle o Espazo Infantil como parte de TeCe Redes en galego do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 21-22: Xogos de mesa en galego, con Brazolinda; Cadernos de cores e cancións, con Magín Blanco, e o Lar das palabras, de Capicúa 360.

 

Arquivado en