Culturgal acolle a promoción de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra

Pontevedra
01 de decembro 2018

Novos Cinemas presenta na súa terceira edición 15 filmes en competición e unha retrospectiva da cineasta lisboeta Teresa Vilaverde

Promoción de Novos Cinemas no Culturgal Concello de Pontevedra

"Cine máis comprometido, crítico, alternativo, que nas máis das veces non entran nos circuítos comerciais, cinema feito dende a excelencia". Nestes termos falou de Novos Cinemas a concelleira de Cultura, Carme Fouces, para engadir que o Concello aposta de xeito claro polo Festival Internacional de Cinema de Pontevedra: "sería unha irresponsabilidade non facelo".

Carme Fouces presentou este sábado a terceira edición do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra -Novos Cinemas- no Espazo Concello de Culturgal, a feira das industrias culturais galegas que se está a desenvolver esta fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra. Ao seu carón estaban dous dos promotores do proxecto, Suso Novás e Ángel Santos.

Novos Cinemas-03 terá lugar do 11 ao 16 de decembro en Pontevedra, unha cita que porá o foco sobre unha cidade de cine. O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, presenta os 15 filmes que formarán parte das súas seccións competitivas: a Sección Oficial e a Sección Latexos.

Trátase dunha selección de primeiras e segundas obras de cineastas emerxentes procedentes de lugares como Canadá, USA, Francia, Portugal, China, Brasil, España, Ecuador ou Arxentina. Ademais inclúe unha retrospectiva da cineasta lisboeta Teresa Vilaverde.

Arquivado en