Cultura polos catro custados da Boa Vila para festexar o Día Mundial da Arte

Pontevedra
15 de abril 2023

A iniciativa 'Arte e Parte' encheu este sábado de actividades diferentes puntos da cidade, ao longo de toda a xornada, con motivo do Día Mundial da Arte que se conmemora o 15 de abril

Actividades do festival 'Arte e Parte' en Pontevedra Cristina Saiz

Con actividade, moita actividade artística e musical. Así celebra este sábado Pontevedra o Día Mundial da Arte que se conmemora cada 15 de abril.

Nesta ocasión a Boa Vila fíxoo a través da iniciativa 'Arte e Parte', un festival multidiciplinar cun bo número de propostas programadas ao longo da xornada en diferentes espazos da cidade.

En concreto habilitáronse ata catro escenarios nos Xardíns de Marescot, o Campiño de Santa María, a praza de Curros Enríquez e A Ferrería.

A programación infantil concentrouse no primeiro deses lugares, con obradoiros e espectáculos teatrais e musicais.

En canto ao resto de localizacións a música presentábase como protagonista con actuacións de Chicharrón, Zeltia Irevire e Queco Lago no Campiño de Santa María e de Ruada da Vila, Antía Muíño e Helena Egea en Curros Enríquez.

Pola súa banda o escenario principal da Ferrería contaba na súa programación co espectáculo poético-musical de DebajoDeLaPalmera e os concertos de Boyanka Kostova, C.Mirazo, Lontreira e Familia Caamagno.