"Nada xustifica unha carnicería como esta, nin un atentado, nin un grupo terrorista", sinalaba o concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez. "Non podemos quedar caladas, temos a obriga de denuncialo", engadía.
Estas manifestacións realizábaas no marco da presentación do evento solidario "Cultura contra a barbarie" en apoio o pobo palestino.
Lembraba o edil que no último mes "10.500 persoas foron asasinadas en Gaza, entre elas 5.000 crianzas, nun territorio que é apenas a metade da provincia de Pontevedra, e onde dous millóns de persoas están ameazadas cunha terrible opción: ou deixar a súa casa para sempre ou morrer nela, asasinados por un dos exércitos máis potentes do mundo". Por iso, "é un orgullo que un acto solidario así se faga en Pontevedra".
A Gala Solidaria para recadar fondos para o Pobo Palestino celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro domingo, 12 de novembro, ás 20.00 horas.
Melania Cruz, Muerdo, Mercedes Peón, Najla Shami, Mago Teto, Rossina Castelli e Iván Prado subiranse ao escenario para reivindicar que "remate o xenocidio en Palestina", manifestaba este último artista, Iván Prado, unha das persoas organizadoras. "Queremos seguir poñendo a nosa arte ao servizo dunha idea básica: que en Palestina a humanidade xógase o seu futuro", afirmaba.
Este evento está organizado pola ONG Pallasos en Rebeldía co respaldo de Culturactiva S. Coop. e a colaboración do Concello de Pontevedra e Galiza por Palestina.
Dende a organización entenden "a cultura como altofalante das reivindicación sociais". Por iso "este evento supón non só unha Gala para recadar fondos, senón unha oportunidade para poñer sobre o escenario unha mensaxe de solidariedade e urxencia ante unha situación que afecta a unha poboación enteira".
A entrada é libre e gratuíta pero se aconsella inscribirse previamente a través da plataforma inscribirme.com. A recadación de fondos farase mediante a chamada "billeteira inversa", o que significa que ao rematar o evento as asistentes poderán facer as súas doazóns económicas solidarias na contía que consideren.