Os cruces de camiños de 'Resoan' estréanse con Kiki Morente no Principal

Pontevedra
23 de marzo 2025

Este artista procedente dunha longa tradición de cantaores e guitarristas, fillo de Enrique Morente, presentou en Pontevedra a súa xira 'Azabache'. O ciclo continuará o 12 de abril con Rodrigo Cuevas

Concerto de Kiki Morente no ciclo 'Resoan'
Concerto de Kiki Morente no ciclo 'Resoan' Cristina Saiz

O Teatro Principal acolleu este sábado a primeira parada do ciclo 'Resoan' deste 2025, un concerto de Kiki Morente. 

Este artista procedente dunha longa tradición de cantaores e guitarristas, fillo de Enrique Morente, presentou en Pontevedra a súa xira 'Azabache', na que mestura o seu legado do flamenco clásico con referencias a Dulce Pontes, Leonard Cohen ou Pat Metheny. 

Con este ciclo musical, o Concello busca traer a Pontevedra artistas de primeiro nivel nun "cruce de camiños musicais a través da estética, as paisaxes sonoras, o tempo e o territorio".

Entre marzo e maio, son cinco as citas programadas en tres espazos distintos: o Teatro Principal, o auditorio do Pazo da Cultura e o recinto feiral. A deste sábado foi a primeira.

O CICLO

O ciclo continuará o 12 de abril con Rodrigo Cuevas, quen ofrecerá o seu espectáculo 'La Romería' no recinto feiral ás 19:00 horas. Poranse á venda unhas 4.000 entradas.

A Banda da Loba presentará o seu "Lovísmo" o venres 2 de maio ás 21:00 horas no Teatro Principal.

O sábado 10 de maio, tamén ás 21:00 horas no Teatro Principal, actuarán Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, nunha homenaxe ás pandereteiras, ás que se dedica este ano o Día das Letras Galegas.

O ciclo pechará o sábado 24 de maio ás 20:30 horas no auditorio do Pazo da Cultura con Abraham Cupeiro e o seu espectáculo "Loira".

As entradas xa están á venda a través de Ataquilla, agás no caso de Rodrigo Cuevas, cuxos billetes se poden adquirir en Woutick.