Cotobade acolle un simposio arredor da figura da escritora Nélida Piñon

Cerdedo-Cotobade
10 de decembro 2024

O simposio 'Nélida Piñon. A mestizaxe dos soños e do corazón' celebrarase este domingo ás 11:30 horas no Centro Cultural Antonio Fraguas, en Carballedo

Nélida Piñón Cristina Saiz

A Deputación de Pontevedra organiza este domingo 15 de decembro o simposio 'Nélida Piñon. A mestizaxe dos soños e do corazón' no Centro Cultural Antonio Fraguas, en Carballedo, a partir das 11:30 horas.

Estará moderado pola xornalista Susana Pedreira e contará coa participación de Antonio Maura, María Ascensión Rivas e Ramón Villares, ademais da actuación da pianista Andrea García.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do correo electrónico participa.cultura@depo.gal.

O deputado de Cultura e tamén alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, remarcou que "para nós a cultura é unha aposta prioritaria, tanto investindo recursos para espallar actividades culturais, como impulsando iniciativas para difundir o legado de creadores como Nélida Piñon, que foi quen de referenciar á provincia por todo o mundo".

O simposio é unha síntese dos temas e títulos máis destacados da traxectoria literaria de Nélida Piñon, brasileira con orixes en Cerdedo-Cotobade, de onde é filla adoptiva. Ergueuse sempre como firme defensora da mestizaxe, onde a memoria se mestura coa fantasía.

'A república dos soños' é a súa obra máis recoñecida e 'A épica do coraçâo', unha das súas obras de ensaio, foi tamén o discurso que pronunciou na recepción como académica de honra na Real Academia Galega.

Piñon representou a mestizaxe de culturas, conxugando na súa obra a parte espiritual e imaxinativa coa máis terreal.

O seu pasado familiar foi clave na conformación dunha autora que sempre reivindicou a súa condición de galega e a lingua dos seus devanceiros, e mantivo unha relación coa provincia de Pontevedra ao vivir dos dez aos doce anos en Cotobade.

Antonio Maura é escritor e crítico literario especializado na literatura brasileira, socio académico corresponsal da Academia Brasileira das Letras, ex-director do Instituto Cervantes en Río de Xaneiro e asesor literario de institucións dedicadas aos estudos brasileiros como a Fundación Cultural Hispano-Brasileña. Foi director da Casa de Cultura Hispánica en Fortaleza (Brasil) e ten participado e realizado numerosas conferencias, entrevistas e publicacións sobre Nélida Piñon.

María Ascensión Rivas Hernández é Catedrática de Teoría da literatura e Literatura comparada da Universidade de Salamanca. Publica artigos e críticas literarias en El Cultural, e é autora da edición da USAL 'Nélida Piñon en la república de los sueños'.

Ramón Villares é catedrático emérito de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, da que foi reitor. Foi tamén presidente do Consello da Cultura Galega e na actualidade coordina a sección de Historia da Real Academia Galega. Pronunciou o discurso de resposta ao pronunciado por Nélida Piñon no acto da súa recepción como académica de honra na Real Academia Galega en 2014.