Corizonas e Apartamentos Acapulco, no novembro musical da Sala Karma

Pontevedra
28 de setembro 2022

A Sala Karma continúa dando forma á súa programación musical de outono. Tras coñecerse a data dos concertos de Ángel Stanich, Guadalupe Plata ou Levitants, entre outros, agora desvelou dúas novas actuacións para novembro, as de Corizonas e Apartamentos Acapulco

Corizonas Subterfuge Records

A Sala Karma continúa dando forma á súa programación musical de outono. Tras coñecerse a data dos concertos de Ángel Stanich, Guadalupe Plata ou Levitants, entre outros, agora desvelou dúas novas actuacións para novembro, as de Corizonas e Apartamentos Acapulco.

Corizonas chegará a Pontevedra o sábado 5 de novembro, ás dez da noite, para presentar o seu novo disco, un traballo que leva por título Corizonas III

Nel, presentan once cancións que oscilan entre o rock intelixente e a “americana” máis exquisita pero, esta vez, nun castelán totalmente orgánico, con letras subyugantes e arranxos de mandolina, harmónica, teclados e guitarras.

A banda, nacida da insólita unión de dous grupos tan dispares, musical e xeracionalmente, como Arizona Baby e Los Coronas, gañou por igual o fervor e respecto de crítica e público e convertéronse en habituais dos principais festivais de música de todo o país.

O concerto de Apartamentos Acapulco, pola súa banda, será o venres 11 de novembro.

Os granadinos visitarán a Sala Karma por primeira vez con novo disco debaixo do brazo, El año del tigre, que é o terceiro álbum de estudo da súa carreira.

Apartamentos Acapulco son pura esencia do indie de guitarras español, con letras certeiras e coreables. Neste novo disco, apostan por un ruído melódico e crean unha banda sonora interxeracional que soa a sintetizadores, indie rock e a viaxes polo mundo.

As entradas para ambos os concertos xa están á venda. As de Corizonas, a 18 euros; mentres que as de Aparcamentos Acapulco pódense comprar a 12 euros.