Os Coribantes de Buchabade levarán este sábado a súa fusión de ritmos ao Centro Cultural de Cerdedo

Cerdedo-Cotobade
12 de decembro 2024

A banda de gaitas de Ponte Caldelas, formada por máis de 50 integrantes, ofrecerá un espectáculo que mestura a tradición galega con ritmos internacionais

Os Coribantes de Buchabade Os Coribantes de Buchabade

Os Coribantes de Buchabade, unha das formacións musicais máis destacadas da provincia de Pontevedra, protagonizarán este sábado ás 19.00 horas un concerto no Centro Cultural de Cerdedo, dentro da programación de Nadal do Concello de Cerdedo-Cotobade.

A agrupación, creada  en 2005 na parroquia pontevedresa de Buchabade, no municipio de Ponte Caldelas, converteuse nun referente na comarca do Verdugo-Oitavén polo seu innovador traballo de mestizaxe musical.

O espectáculo, que conta coa colaboración económica provincial, reunirá sobre o escenario a máis de medio cento de artistas entre músicos e bailaríns.

O conxunto destaca pola súa variada instrumentación, que inclúe gaitas, pandeiretas, batería, teclado, bombo, violín, guitarra e baixo, entre outros instrumentos.

Ademais, conta cun corpo de baile de trinta integrantes que combina elementos tradicionais con ritmos contemporáneos, fusionando a música galega con influencias de Europa, África e América.

Durante a presentación do evento, o alcalde Jorge Cubela salientou o dinamismo e a calidade das actuacións desta formación, "unha das principais da nosa provincia".

Os Coribantes de Buchabade teñen acadado notable recoñecemento non só en Galicia, senón tamén en Portugal e no resto de España a través dos seus intercambios culturais.