uqe

'Conversas con arte' con Gervasio Sánchez como antesala á Bienal de 2025

Pontevedra
26 de novembro 2024
Actualizado: 8:55

Rafa Domínguez destacou que "é un gran profesional que leva décadas amosándonos a través da lente a dor e o sufrimento que se viven nos conflitos bélicos ao longo de todo o mundo"

Intervención de Gervasio Sánchez no ciclo 'Conversas con arte' Mónica Patxot

O fotoxornalista Gervasio Sánchez protagonizou este luns unha nova edición do ciclo 'Conversas con arte', que busca achegar distintas manifestacións artísticas á cidade de Pontevedra.

Celebrada no Salón de Plenos do Pazo Provincial, sede da Deputación, a sesión foi unha antesala do regreso da Bienal de Arte en 2025, pois Gervasio Sánchez é un dos participantes xa confirmados.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, puxo en valor a traxectoria profesional do fotoxornalista, un "gran profesional" que "leva décadas amosándonos a través da lente a dor e o sufrimento que se viven nos conflitos bélicos ao longo de todo o mundo".

Domínguez lembrou que o obxectivo do ciclo é difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden tanto na provincia como no conxunto de Galicia e "seguir avanzando no posicionamento da provincia e da cidade como destinos culturais por excelencia".

O vicepresidente da Deputación tamén lembrou que un dos leit motiv da Bienal é a reflexión arredor do momento que está a atravesar na actualidade o mundo.

As guerras, o cambio climático, os movementos migratorios e a súa xestión, a transición verde e dixital ou a Intelixencia Artificial son algunhas das cuestións que centrarán a cita, co nome 'Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais'.

Gervasio Sánchez (Córdoba, 1959) é licenciado en Xornalismo e traballou como independente para medios como a Cadena Ser, o servizo español da BBC ou El Heraldo de Aragón, especializándose en conflitos armados. Foi enviado especial en numerosas guerras en América do Sur, na guerra do Golfo, así como noutros conflitos situados na antiga Iugoslavia ou nos continentes de África e Asia.

Recibiu o Premio Nacional de Fotografía, a Gran Cruz da Orde Civil da Solidariedade Social, o Premio de Andalucía de Cultura na modalidade de Fotografía, o título de Enviado Especial da UNESCO pola Paz ou a Medalla ao Mérito Profesional do Goberno de Aragón.