Contos en familia para bebés no Salón do Libro

Pontevedra
07 de abril 2019

Este luns 8 de abril vai celebrarse unha sesión coas familias do proxecto Apego, que incentiva a comunicación en galego dentro das familias con menores de seis anos

Sesión no Salón do Libro Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Este luns 8 de abril, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil acolle unha sesión de contos en familia dentro do programa Apego. Comezará ás 17.00 horas na bebeteca instalada no Pazo da Cultura coa intención de que as familias se acheguen para contar contos en lingua galega.

Nestas actividades incentívase a comunicación na lingua galega dentro da familia coa intención de promover espazos de socialización en galego para menores, que teñan entre 0 e 6 anos.

PROGRAMACIÓN DO DOMINGO

O Salón do Libro desenvolve este domingo 7 diferentes actividades para o público familiar como a 'Feira do libro usado' durante amñaá. Un concerto de Elisabeth Ferreira e Gustavo Almeida baixo o título 'Eu conto, ti cantas' coa canción 'O Leãozinho', de Caetano Veloso como base. 

Durante todo o día, ás 12.00, 17.00 e 18.30 horas vai desenvolverse outro espectáculo musical, 'Afinal o caracol', a cargo de Andate teatro. Unha montaxe con poesía de Fernando Pessoa no que se conta a historia dun caracol. Tamén van realizarse diferentes obradoiros sobre cociña lusófona, haikus galego-portugueses e monstruos ilustrados.

Ás 18.30 horas, Vero Rilo e Sonsoles Penadique ofrecerán 'A formiga no carreiro', unha sesión de música e contos. Ás 19.00 horas, Kikolas presenta a obra teatral 'Calor', sobre as persoas que carecen de fogar. Á mesma hora, o Teatro Principal acolle a emisión de 'O grúfalo' e 'A filla do Grúfalo', dúas aventuras cinematográficas sobre contos de Julia Donaldson.