Continúan as felicitacións dende Polonia ao Museo

Pontevedra
23 de marzo 2023

A presidenta da comuna polaca de Sluchy Dab, Henryka Król, insta a aumentar a colaboración entre os museos de ambos países

A presidenta da localidade de Sluchy Dab, Henryka Król, responsable dunha comuna ao norte de Polonia Deputación de Pontevedra

As felicitacións ao Museo de Pontevedra e á Deputación de Pontevedra pola restitución ao Goberno polaco do díptico de Dieric Bouts espoliado polos nazis non deixan de chegar. A última en congratularse da devolución foi a presidenta da localidade de Sluchy Dab, Henryka Król, responsable dunha comuna ao norte de Polonia, quen quixo transmitir directamente ao Museo as súas palabras de agradecemento.

A través dun correo electrónico persoal, a responsable da comuna di "en nome de todos os polacos, gustaríame darlle as grazas por devolver a pintura de Dieric Bouts" e pon sobre a mesa o seu desexo de levar adiante unha maior colaboración institucional, tal como xa manifestaran e se comprometeran os directores do Museo de Pontevedra e o Museo de Poznan.

"Conto cunha maior cooperación entre o seu museo e os museos polacos, talvez unha exposición conxunta ou unha exposición dun artista español en Polonia, e unha exposición dun artista polaco no seu museo (os artistas polacos inclúen a Tamara Łempicka, Roman Opałka e Magdalena Abakanowicz)", dille no correo electrónico ao director pontevedrés.

Dende o goberno e o Museo provincial agradeceron o correo da dirixente política e manifestaron novamente a boa disposición a tender pontes de cooperación internacional máis alá da devolución do díptico de Dieric Bouts, tanto no relativo a seguir investigando de maneira conxunta sobre o percorrido –agora descoñecido- dende o espolio ata a súa aparición en Pontevedra dos cadros, como a posibles exposicións conxuntas ou a cesións de fondos para mostras específicas entre as diferentes pinacotecas.