Conta atrás para a revolución en Cuntis co festival A Revolta do Umia

Umia
24 de agosto 2023

Este xoves presentouse en Vilar de Mato a nova edición do festival A Revolta do Umia, que se celebrará entre este venres 25 e este sábado 26 de agosto. Aínda están dispoñibles abonos, entradas de días e prazas para a zona cámping ou de autocaravanas, obradoiros e actividades con reserva previa 

Acto de presentación do Festival A Revolta do Umia A Revolta do Umia

Comeza a conta atrás para a revolución en Cuntis. Este xoves presentouse en Vilar de Mato a nova edición do festival A Revolta do Umia, que se celebrará entre este venres 25 e este sábado 26 de agosto. 

Ao acto asistiron o alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e os concelleiros Concepción Campos Fernández, José Antonio González Fontán, Roberto Caeiro Duarte, Natalia Camiña e María Isabel Couselo Torres, deputada provincial.

No acto déronse a coñecer todos os detalles do que será a sexta edición do festival, para a que aínda están dispoñibles abonos, entradas de días e prazas para a zona cámping ou de autocaravanas, obradoiros e actividades con reserva previa. Poden adquirirse na web oficial do festival http://arevoltadoumia.gal

O festival pretende ser singular pola contorna, polo respecto ao medio ambiente e a posta en valor do medio rural dende os planos cultural e musical e comezará o venres 25 cunha cata sonora amenizada coa música de Loita Amada.

Ás 16:00 horas do mesmo venres darán inicio as proxeccións das curtas gañadoras do certame LAV.mov e, ás 18:00 terá lugar a proxección de videoclips musicais no escenario principal.

Os concertos darán comezo ás 19:45 con Bellvitge, seguidos de Pants Off, Solar Corona, Loita Amada, Fillas de Cassandra, Aphonic, Ícaro e Xaby dj.

O sábado 26 as actividades darán comezo ás 10:00 horas cunha andaina que transcorre a carón do río Umia (Senda peonil Ponte do Ramo).

Ás 11:00 haberá un pasacalles a cargo de Hai que Roelo e ás 11:30 celebrarase un obradoiro de cerámica castrexa dirixido por persoal da Fundación Terra Termarum de Cuntis.

A partir das 12:00 terá lugar un obradoiro de DJ e ás 12:45 haberá un obradoiro de café premium da man de Café Dromedario e a entrega do premio á labor da defensa do medio ambiente, patrocinado por Vermut Sardino.

A partir dese momento, será a quenda da sesión vermú, patrocinada por Vermut Sardino, con Igloo e Eladio y los seres queridos.

O xantar popular dará comezo ás 15:00 horas e ás 16:30 terán lugar as actividades de tempo libre a carón do río Umia.

Ás 17:00 haberá un obradoiro de baile e percusión tradicional e ás 18:00 será a exposición do traballo realizado polos grafiteiros nas dúas xornadas de festival.

Os concertos darán comezo ás 19:30 con Mundo prestigio, seguidos de Dharmacide, Dani, Copa turbo, Gator the alligator, Ortiga, Monoulius Dop e Duendeneta. Este último pinchará tanto na sesión vermú como na hora de peche do festival.