Conferencias, teatro e unha exposición para celebrar as Letras Galegas en Poio

Poio
10 de maio 2022

Ademais da entrega de premios do Concurso Literario Xaime Illa, o día 17 haberá unha charla a cargo da xornalista e escritora Sara Vila Alonso. A programación, deseñada en colaboración coa SCD Raxó, dará comezo o venres 13 e estenderase ata o 20 de maio, con conferencias, teatro e a apertura da exposición 'Cantámola en galego!', entre outras iniciativas

Presentación da programación do Día das Letras Galegas en Poio Concello de Poio

Conferencias, teatro e a instalación da exposición 'Cantámola en galego!' son as actividades protagonistas na programación que neste 2022 impulsa a Concellería de Cultura, en colaboración coa Sociedade Cultural e Deportivo Raxó, para conmemorar o Día das Letras Galegas, que nesta edición rende homenaxe ao poeta de Valdeorras Florencio Delgado Gurriarán. 

A edil responsable deste departamento, a nacionalista Raquel Rodríguez, deu a coñecer os detalles destas iniciativas, que comezarán o día 13 de maio e finalizarán o venres 20. O Centro Cultural Xaime Illa será o centro neurálxico da programación, ao converterse no escenario de todas as citas. 

A entrega de premios do Certame Literario Xaime Illa Couto será o día 17, durante o acto central do programa, fixado para as 17.30 horas e que inclúe unha conferencia a cargo da xornalista e escritora das Neves Sara Vila Alonso, gañadora do Premio Illa Nova Narrativa en 2021, pola súa primeira novela 'Oito días sen Eva Cortes'.

O inicio de actividades será o 13 de maio coa inauguración da mostra 'Cantámola en galego! A canción en galego no século XXI', que poderá visitarse no propio Xaime Illa ata o mércores 18.

Para ese mesmo día, ás 17.00 horas, está tamén programada unha sesión de contacontos musicados, a cargo de Polo Correo do Vento, e que ten como protagonista a Florencio Delgado Gurriarán.

O xoves 19 de maio Miguel A. Seixas, da Fundación Castelao, impartirá a conferencia 'Castelao, o Plan S e as carquexas amarelas'. A cita dará comezo ás 19.00 horas. Por último, o venres 20 a compañía teatral Avelaíña ofrecerá, ás 21.00 horas, a representación da obra 'A liorta'. Esta iniciativa está organizada pola SCD Raxó. 

 

Arquivado en