"Compromiso, calidade, autenticidade e moi bo facer", así define Carmela Silva a nova edición do Rias Baixas Film Fest

Pontevedra
16 de marzo 2023

No mes de abril comezará unha nova edición do Rias Baixas Film Fest, un proxecto da Deputación que agrupa aos principais festivais do sector audiovisual da provincia de Pontevedra

Presentación do Rias Baixas Film Fest 2023 na Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

No mes de abril comezará unha nova edición do Rias Baixas Film Fest, un proxecto da Deputación que agrupa os principais festivais do sector audiovisual da provincia de Pontevedra. O acto contou coa presenza de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, que estivo acompañada por diversos representantes dos festivais implicados. 

O primeiro en estrearse será o Play-Doc de Tui, que dará o pistoletazo de saída o 26 de abril e estenderase ata o 1 de maio. Seguiralle o Festival de Cans, en Porriño, do 16 ao 20 de maio, e o Primavera Do Cine de Vigo xa en setembro. Compartirá mes este último co FICBUEU, que se desenvolverá entre o 9 e o 23 de setembro, e coGalician Freaky Film Festival, do 22 ao 30 do mesmo mes.

Xa no mes de outubro terá lugar oFestival Internacional de Cinema Inclusivo de Vigo, entre os días 17 e 22. O Curtas Festival do Imaxinario celebrarase en Vilagarcia de Arousa, do 27 de outubro ao 5 de novembro. Para pechar a programación do 2023, terá lugar o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, coñecido como Novos Cinemas, que se celebrará entre os días 12 e 17 de decembro.

Nerea Lores, do FICBUEU, destacou a importancia de manter o foco no público local para poñer en valor a presencialidade. "E moi importante poder atoparnos coa xente que vén ano tras ano e falar das curtas e das longametraxes", afirmaba Nerea, que ve nestes festivais unha oportunidade de gozar da cultura.

Outro dos asistentes ao acto foi Juan de Castro, do GFFF (Galician Freaky Film Festival), que fixo especial fincapé na importancia do apoio económico por parte da Deputación, "fundamental para os festivais". Juan de Castro fixábase como obxectivo para esta nova edición que o público volva ás salas.

Outra das propostas do representante do GFFF foi a de achegar as actividades que se fan nos festivais a localidades máis pequenas. "Xa non digo que non haxa cinemas, pero si casas da cultura ou auditorios. Alí podemos achegar o que fai cada festival para ver que existimos".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tamén quixo pronunciarse neste acto de presentación. Silva quixo definir a todos os festivais que forman parte do Rias Baixas Film Fest con catro palabras: compromiso, calidade, autenticidade e moi bo facer.

En primeiro lugar, destacou o compromiso de moitas mulleres e homes "apaixonados do cinema e do audiovisual, que dedican moito tempo da súa vida a encher de cultura todo o territorio pontevedrés". 

Silva proseguiu co seu discurso falando da calidade de todos os festivais, poñendo en valor que se realizan en cidades grandes, pero tamén noutras pequenas de menos de 20.000 habitantes, "onde moita xente pode gozar dun audiovisual de enorme calidade". Facendo referencia a iso, a presidenta da Deputación falou da cultura como un elemento dinamizador, necesario para producir avances na sociedade.

A autenticidade foi outra das palabras empregadas por Carmela Silva, que xunto ao bo facer do que falaba, destacaba que o Rías Baixas Film Fest ten moitos festivais diferentes, todos eles capaces de facer que a cultura non sexa algo de elites, senón unha actividade na que participe toda a sociedade.

"Somos unha provincia de 900.000 habitantes. O que somos capaces de facer nestes festivais é, certamente, incrible", aseguraba Silva, queapuntaba que "temos que aprender a presumir do ben que se fan as cousas".

Para finalizar a súa intervención, a presidenta da Deputación falou da importancia de crear sinerxias con Portugal e aproveitar o feito de que Pontevedra é unha provincia transfronteiriza. Doutra banda, dirixiuse aos representantes do audiovisual galego alí presentes para dicirlles que tentará que os "trámites administrativos insufribles" sexan máis lixeiros, para poder "dedicar menos tempo á burocracia".

Para completar a presentación do Rías Baixas Film Fest, a violoncellista Susana Blanco e a violinista Erea Carbajales interpretaron a peza O oboe de Gabriel e temas das películas O padriño e Almorzo con diamantes.