PODCAST. As 'Conversas na Ferrería' completan as alfombras vermellas cos próximos Premios Mestre Mateo

Pontevedra
13 de marzo 2025

Lalín acolle a vixésimo terceira edición dos galardóns que promove a Academia Galega do Audiovisual. Tras os Feroz e os Goya, volvemos falar de cinema e televisión en PontevedraViva Radio

Nani Matos, Rocío Torres e Seve Casalderrey volven ás 'Conversas na Ferrería'
Nani Matos, Rocío Torres e Seve Casalderrey volven ás 'Conversas na Ferrería' Mónica Patxot

A sétima arte volve dar contido ao faladoiro das 'Conversas na Ferrería'.

Neste 2025 a gala dos Feroz celebrada en Pontevedra tivo o seu programa previo, do mesmo xeito que a correspondente aos Premios Goya. Poñemos a alfombra vermella, non só para o cinema, para todo o audiovisual galego.

Este próximo sábado 15 de marzo, o Lalín Arena abrirá as súas portas para acoller a gala da vixésimo terceira edición dos Premios Mestre Mateo que organiza a Academia Galega do Audiovisual.

Unha convocatoria que estará presentada pola actriz Teté Delgado e cuxa parte musical correrá a cargo do catoirés Baiuca. Entregaranse galardóns en vinte e cinco categorías do ámbito do cinema, televisión, comunicación, publicidade e videoclips musicais.

Neste podcast volven sentar ante os micrófonos de PontevedraViva Radio Rocío Torres, que pertence profesionalmente ao sector da comunicación e audiovisual.Severiano Casalderrey, crítico e programador de cinema e Nani Matos, director, guionista e actor.

Repasan as candidaturas desta edición achegando os seus coñecementos e tamén os seus gustos. Nalgunhas categorías coinciden en sinalar a unha ou un posible gañador, noutras difiren ou tamén resulta complicado decantarse entre os finalistas.

Abren mesmo algún debate sobre os criterios establecidos para concorrer ás categorías que aspiran a premios.

Suscítase ante tesituras como a categoría de Mellor Guión na que concorre un documental, unha serie de televisión e dúas películas; en Mellor Curtametraxe de Animación, na que compiten proxectos profesionais con universitarios; ou en Mellor serie de TV na que concorre unha serie infantil de animación, con dúas series televisivas de ficción e unha serie documental.

Tamén se sinalan durante a charla profesionais pontevedreses que acompañan a estes proxectos audiovisulaes nomeados, caso por exemplo de Pedro Tizón, director de fotografía da curtametraxe 'Nai' de Perico Refoxo e Brais do Rei.

Nesta inminente celebración parten con máis posibilidades de premios a serie 'Rapa' que é finalista en dezaoito candidaturas; a película de Sonia Méndez 'As neves' que reúne trece candidaturas; outra longametraxe como 'Honeymoon' está proposta a galardóns en dez candidaturas e a película '+Cuñados' suma oito. Outro dos proxectos que aparece en seis categorías é sériea 'Clanes'.